Licenciado en ascensos

Mouriño afronta o seu cuarto play-off, despois de conseguir o salto de categoría co Coruxo, o Ourense e o Pontevedra Club de Fútbol
Mouriño durante o adestramento deste xoves do Pontevedra en Pasarón
photo_camera Mouriño durante o adestramento deste xoves do Pontevedra en Pasarón

Adrián Mouriño é o líder dos ascensos. Sempre que xoga unha promoción, o seu equipo sobe de categoría. Conseguiuno co Coruxo, co Ourense e co Pontevedra. A actual é a segunda experiencia coa escadra granate, pero tamén a máis esixente: é a primeira vez que intenta dar o salto a Segunda División. E en base á súa experiencia sabe cales son os ingredientes do éxito e cales os motivos do fracaso.

"A chave é estar convencidos. Esa é a chave. Saber que temos as nosas opcións e estar seguros de que imos pasar".

A misión non será sinxela para o PCF, que ten que remontar un marcador adverso de 1-3 e ademais debe ir facelo a territorio hostil.

"Hai que crearlle perigo desde o principio, xerarlle dúbidas, meterlle presión dicíndolle que imos a polo partido", explica o futbolista porriñés, que mesmo podería ser titular en La Nueva Condomina.

O aspecto psicolóxico é o primeiro que exercita o cadro de Luisito. A fe derruba barreiras. "Son o primeiro que cre. Temos as nosas opcións de pasar. Non é un resultado todo o cómodo que nos gustaría, pero estamos confiados nas posibilidades que temos", sostén o centrocampista do equipo lerezano ao remate do adestramento de Pasarón.

"Hai que crearlle perigo ao Murcia desde o principio, xerarlle dúbidas, meterlle presión dicíndolle que imos a polo partido"

Iso si, o futbolista granate admite que o Murcia estivo a un gran nivel en Pasarón e sabe dos poderes que ten, tanto colectiva como individualmente.

"Accesible?... tódolos equipos o son. Poden ter un mal día e meterlle man. Mesmo a un equipo de Primeira División lle podes meter presión, pero a min foi un equipo que me gustou moito", asegurou o creativo futbolista porriñés.

Por iso, non se centra tanto en analizar as cualidades do contrincante, se non que incide no propio equipo granate. Mentalízase en que "temos as nosas posibilidades. Hai que confiar no noso traballo. Esa é a mentalidade".

En 2010, o Mouriño máis noviño vivía o salto de categoría co Coruxo despois de tres eliminatorias e tras finalizar en cuarto posto a liga regular. O bloque vigués superou tres veces o factor cancha para acabar ascendendo en La Roda, en Castilla-La Mancha. Superou as dificultades do encontro de volta en Parla, foi quen de igualar in extremis o partido contra o Oyonesa de Álava (2-1 no Vao, 1-1 no treito final do duelo a domicilio) e selou o ascenso na terceira rolda grazas a unha igualada a domicilio en chan albaceteño (1-1).

Mouriño recoñece, en cambio, que o Ourense de 2012 foi "quizais o mellor equipo no que xoguei e onde máis gocei co fútbol. A calquera que nos tocase naquela fase de ascenso iámoslle pasar por enriba". Despois de gañar a Liga regular, no play-off a vítima foi o Laudio vasco. Un 1-3 en Euskadi deixou case feito o ascenso, que o Ourense selou gañando 1-0 no Couto.

Comentarios