Contadores de Portugal e Uruguai apúntanse ao encontro 'Sete falares'

O evento recupera as Ruínas de San Domingos como espazo escénico e convida a un roteiro especial polo Sexto Edificio do Museo
A uruguaia Patricia McGill
photo_camera A uruguaia Patricia McGill

Os portugueses Carlos Marques (actor e programador do festival Contos Doutra Hora en Montemor-o-Novo) e Cristina Taquelim (psicóloga, bibliotecaria e escritora), ademais da uruguaia Patricia McGill (actriz) participarán na sexta edición do Encontro Internacional de Contadores de Historias de Pontevedra Sete falares, que organiza o grupo Pavís Pavós e que se celebrará entre o 8 e o 11 de xuño en distintos espazos da cidade. Tereixa Alonso, de Pavís Pavós, contou onte que o cartel se completará coa participación do grupo anfitrión, ademais de con Bea Campos e Celso Fernández Sanmartín, "que volve a Sete falares despois de ter participado na primeira edición".

Entre as novidades deste ano destaca a recuperación das Ruínas de San Domingos como espazo escénico. "Xa o fora nas primeiras edicións do encontro, aínda que tivemos que deixalo despois por mor das obras. Agora reincorporámolo". Súmase desta maneira á Praza da Peregrina, onde terá lugar a xornada inaugural, á Casa das Campás, ao Teatro Principal, ao Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA) e ao Museo de Pontevedra. Este último lugar, o Sexto Edificio en concreto, será protagonista dunha das actividades centrais do encontro de contadores de historias: un roteiro, que habitualmente se realizaba polo centro histórico e que, nesta ocasión, se traslada á exposición permanente do Museo.

"Ademais, normalmente viñamos agrupando por parellas aos contadores convidados, en espectáculos que chamabamos De dous en dous", lembrou Alonso. "Este ano teremos un De dous en dous e outro De dúas en dúas". No primeiro actuarán Carlos Marques e Celso Fernández Sanmartín, mentres que no segundo farano Cristina Taquelim e Patricia McGill.

Sete falares, unha programación dirixida a adultos, incluirá "dúas pingas" para público familiar. A primeira, a cargo de Pavís Pavós, terá lugar o día 9 na Casa das Campás. Da segunda, ao día seguinte, encargarase Bea Campos. Todas as propostas de Sete falares son abertas ao público, salvo a clausura, que reunirá a todos os contadores no Teatro Principal nun espectáculo que contará co acompañamento musical de José Manuel Díaz e Felipe Villar. Terá un prezo de 3 euros.

Comentarios