O festival Portamérica celebrarase en Caldas o 13, 14 e 15 de xullo

The Horrors, Asian Dub Fundation, Leiva, Xoel López, Iván Ferreiro e Kase.O encabezan o cartel
Parte do cartel do Portamérica
photo_camera Parte do cartel do Portamérica

O festival Portamérica trasládase este ano a Caldas de Reis, tras cinco anos celebrándose en Nigrán. Celebrarase durante os días 13, 14 e 15 de xullo e enmárcase dentro da programación de actividades do Cultura Quente.

En rolda de prensa, o director do Portamérica, Joaquín Martínez, sinalou que "o único que cambia é a localización, xa que o festival mantén a mesma filosofía e concepto co que foi creado". Segundo explicou o seu director, o feito de que as primeiras cinco edicións do Portamérica se celebrasen en Nigrán foi unha cuestión puramente casual.

"Nós cremos que o festival é das Rías Baixas e que ten unha conexión con América, como indica o seu nome", sinalou. "Por unha cuestión puramente loxística non podiamos seguir avanzando xa que o polígono no que se celebraba se foi poboando de empresas e xa non contabamos cos espazos suficientes como para desenvolver as actividades paralelas ao festival".

Joaquín Martínez recoñeceu que a opción de Caldas de Reis "sempre estivera encima da mesa" e subliñou o feito de que a vila termal ofreza a oportunidade de "ter un festival metido dentro dun pobo", co que iso implica de dispor de diversos espazos como parques ou o auditorio municipal.

Para o director do festival, un dos motivos que propiciou o cambio de localización era precisamente "fortalecer o concepto co que naceu Portamérica, un festival de música, gastronomía e ideas". 

No apartado musical, o cartel do Portamérica reunirá na Carballeira de Caldas de Reis a máis de 30 artistas de dez nacionalidades diferentes.

A cantante estadounidense Nikki Hill e dos peruanos Kanaku y el Tigre súmanse ás xa anunciadas.

O xoves 13 actuarán The Horrors, Iván Ferreiro, Niños Mutantes, Carlos Sadness, Triángulo de Amor Bizarro, Aterciopelados, Ángel Stanich e os agora anunciados Kanaku y el Tigre e Nikki Hill.

Os artistas que se subirán aos dous escenarios do Portamérica o venres 14 serán Asian Dub Fundation, Kase.O, Novedades Carminha, Illya Kuryaki & The Valderramas, Zuco 103, BNegão & Seletores de Frequência, Yall, Los Amigos Invisibles, Rufus T.Firefly e Mateo Kingman.

O sábado 15 será a quenda de Leiva, Xoel López, Depedro, Porter, Instituto Mexicano del Sonido, Carlos Jean, Siddhartha, Enric Montefusco, Igloo e Orkesta Mendoza.

Á hora de configurar a programación musical do festival os responsables do Portamérica tentaron fuxir do tópico de que aos festivais sempre van os mesmos artistas.  "Aínda que haxa varios artistas que si que adoitan ser frecuentes en festivais, pretendemos dar moito contido novo ao público", explica Joaquín Martínez.

Neste sentido, engadiu o director do festival, moitos dos grupos latinoamericanos que están no Portamérica e que nalgúns casos visitan en España por primeira vez, "aínda que en Europa aínda non sexan moi coñecidos, son grandes figuras en cada un dos seus países".

GASTRONOMÍA. A gastronomía seguirá sendo outra das grandes protagonistas do Portamérica. O 'showrocking', bautizado nesta ocasión especial como 'Cociñando na Fin do Mundo', conformarano un ano máis un nutrido grupo de chefs internacionais procedentes de Latinoamérica e contará ademais con ampla representación galega de recoñecido prestixio.

Baixo o comisariado de Pepe Solla contará coa presenza de chefs como Roberto Ruiz (Punto MX, Madrid), Estanis Carenzo (Chifa, Madrid), Edgar Núñez (Sud777, México DF) ou Javier Estévez (La Tasquería, Madrid), aos que se unirán novas promesas da gastronomía galega, como Pablo Pizarro (Bocanegra, A Coruña), Alberto Lareo (Manso, Santiago) ou Jorge Gago (A Maceta, Santiago), recentemente recoñecido co Premio Cociñeiro Novo 2017 no Fórum Gastronómico da Coruña.

O Portamérica estrea nesta edición unha nova actividade vinculada á cociña, unhas xornadas de reflexión sobre a evolución da gastronomía. "Esta é, sen dúbida, unha profesión que se transformou en moi pouco tempo. Nestas sesións tentaremos dilucidar sobre o seu futuro", explican os seus organizadores.

O formato basearase en mesas de opinión e debates que correrán a cargo de grandes nomes da cociña e de cada un dos roles da cadea alimentaria e outras actividades.

GLAMPING. A zona de acampada na que os asistentes ao festival se poden instalar desde a tarde do mércores 12 de xullo ata o mediodía do domingo 16, conta este ano, ademais de con as súas instalacións habituais, coa área 'Sleep Em All', onde, segundo explican os seus promotores, poderase "vivir unha experiencia única e aínda máis confortable a cinco minutos do recinto do festival".

Trátase dunha zona reservada da acampada, con acceso controlado na que se habilitarán diferentes tipoloxías de aloxamentos, como tipis indios, tendas de emperador romano ou quibis.

Esta zona, de aforamento limitado, contará con recepción as 24 horas do día, lounge con tomas de corrente para cargar dispositivos móbiles, cociña con electrodomésticos, baños e duchas con auga quente e unha zona chill out.

Contigua á zona do 'glamping', está a de acampada xeral. Os asistentes poderán instalar as súas tendas de campaña, furgonetas ou caravanas nun espazo acondicionado para a ocasión a cambio de tres euros.

A recadación doarase integramente a unha campaña de acción social que se concretará proximamente.

Nestes momentos o festival oferta a través da súa web unha cota limitada de abonos por 50 euros e entradas diarias por 25 euros.

CULTURA QUENTE. Durante a primeira quincena do mes de xullo a vila termal de Caldas de Reis acollerá unha nova edición do Festival Cultura Quente, unha manifestación singular de expresión e compromiso impulsada polo concello para implicar a todos os sectores sociais nun proxecto de desenvolvemento local, no que este ano se enmarca a celebración do Portamérica.

As actividades programadas arrincan o 3 de xullo e inclúen propostas como talleres de grafiti, beatbox ou breakdance, actividades para fomentar a igualdade no Centro de Información da Muller, a mostra Cultura do Viño D.O. Rías Baixas, un concurso de cata das adegas participantes, encontros de bandas de gaitas ou bandas de música, un curso de iniciación ao clown e Kaldarte, un proxecto de arte pública desenvolvido polos alumnos da Facultade de Belas Artes de Pontevedra.

Comentarios