A UE achega dous millóns para a xestión de residuos

O proxecto transfronteirizo ESTRAEE, que liderará a institución pontevedresa, busca "un salto cualitativo" no tratamento do lixo
O IES Sánchez Cantón recolle compost do Plan Revitaliza para fertilizar o seu novo horto escolar.JPG
photo_camera O IES Sánchez Cantón recolle compost do Plan Revitaliza para fertilizar o seu novo horto escolar.JPG

A Deputación de Pontevedra recibirá unha nova achega da UE de máis de dous millóns de euros, que permitirá a posta en marcha dunha estratexia transfronteiriza para a xestión dos Residuos de Aparatos Eléctricos e Electrónicos (ESTRAEE). Este programa ten por obxectivo a mellora da protección ambiental mediante a promoción da reciclaxe e o fomento de tecnoloxías innovadoras na xestión dos recursos.

"Preténdese dar un salto cualitativo na xestión ambiental e na adaptación á estratexia europea 2020 no ámbito da protección dos recursos naturais e eficiencia na xestión dos recursos", manifestou a presidenta provincial. Carmela Silva subliñou que este proxecto realízase en colaboración con Portugal, "o que nos permite que o espazo tranfronteirizo Provincia de Pontevedra-Norte de Portugal lidere medidas de protección do medio ambiente".

A presidenta da Deputación fixo ademais un chamamento para que os concellos da provincia se sumen a este programa e poñer en marcha unha estratexia conxunta que permita implantar melloras no sistema municipal de recollida dos concellos e a adecuación dos puntos limpos á Directiva Europea, de xeito que se garanta un correcto almacenamento dos residuos electrónicos.

O programa implica a posta en marcha de mecanismos para unha mellor identificación dos residuos susceptibles de ser reciclados, a creación dun procedemento de acceso aos centros de preparación para a reutilización e tamén a monitorización do estado actual da reutilización que se está a facer. Por último, crearanse novos protocolos e un plan de negocio para a xestión destes refugallos.

Nesta ocasión, a Deputación de Pontevedra actuará como socia líder do proxecto. Estes fondos da UE súmanse aos tres proxectos anteriores que superan os sete millóns e medio de euros.

Comentarios