Os participantes

O cásting para 'Fariña' forma colas ao longo de todo o día na Verdura

Ducias de persoas presentáronse ás probas para participar como figuración na serie da produtora Bambú
Detalle da cola para as probas na Casa da Luz a primeira hora da mañá.
photo_camera Detalle da cola para as probas na Casa da Luz a primeira hora da mañá.

Unha ringleira de preto de medio cento de persoas antes das dez da mañá agardaba para entrar, onte, na Casa da Luz. Dentro do edificio, a produtora Bambú, da que forma parte a pontevedresa Teresa Fernández-Valdés, realizaba un cásting para atopar figuración para unha das súas próximas series de televisión, Fariña.

As colas reproducíronse en maior ou menor medida, dependendo da hora, ao longo de toda a xornada, na Praza da Verdura. Aos solicitantes, que deixaban os seus datos persoais, tomábaselles unha fotografía, que pasaba a formar parte da base de datos da produtora. Segundo a convocatoria, para o cásting, polo que pasaron varias ducias de persoas, non se buscaba un perfil concreto. Só era necesario ser maior de 16 anos.

A serie de televisión Fariña, que recreará historias reais do narcotráfico en Galicia durante os anos 80 e 90, gravarase en distintas localizacións da costa galega. Entre elas haberá espazos das Rías Baixas, como Vilanova de Arousa, Vilagarcía, Cambados, O Grove e Pontevedra. O actor Javier Rey (Velvet) será o protagonista desta ficción televisiva, que emitirá Antena 3, e na que tamén está confirmada a presenza de Miryam Gallego (Águila Roja), Tristán Ulloa (La embajada), Marta Larralde (Seis hermanas), Antonio Durán 'Morris' e Carlos Blanco.

Comentarios