Seis corais cantarán ás Letras Galegas no Centro Social do Mar de Bueu

A actuación terá lugar o sábado e soarán voces de agrupacións de Pontevedra, Campo Lameiro, Chapela, Burela, Oviedo e Bueu

Seis corais participarán o sábado no tradicional Concerto das Letras Galegas que organiza a agrupación buenense Coral Polifónica Marusía. O evento terá lugar a partir das 20.00 horas no salón de actos do Centro Social do Mar e, como sempre, a entrada será totalmente de balde.

Nesta ocasión, logo de que se adicase o Día das Letras Galegas a Carlos Casares, haberá unha breve introdución sobre a celebración e o autor, para dar paso a continuación a actuación das agrupacións convidadas: Coral Polifónica de Salcedo (Pontevedra), Coral Polifónica Frol Nova (Chapela), Coral Polifónica de Burela (Lugo), Coral Polifónica de Grados (Oviedo) e Coral Infantil Cantalúa de Campo Lameiro. O programa completarase coa intervención da formación da entidade organizadora.

Ao longo dunhas dúas horas de concerto, os asistentes poderán gozar con pezas moi variadas e na súa maioría en galego, como homenaxe ás nosas Letras. Así, soarán, por exemplo, Frol Nova, Velai Vai, Meu amor é mariñeiro, Muradana, Quen poidera namorala, Cada noite, O pasar por Camariñas, Campanas de Bastabales ou Morriña. Mentres, a Coral de Grados-Oviedo ofrecerá catro pezas en castelán, entre elas Mi niño tiene sueño, Las cuatro palomas o Leyenda del segador.

Pola súa banda, o Coro Infantil Cantalúa, formado por nenos de Campo Lameiro e que xa actuara noutro festival anterior organizado por Marusía, estreará o musical titulado Do campo ao mar. "É un musical que os rapaces estiveron preparando con moitísima ilusión, xa que quedaron encantados co convite de novo por parte dos amigos de Bueu", sinala a entidade.

Neste sentido, os nenos queren facer a súa pequena homenaxe tanto ás xentes do mar como ás do campo, "que tanto levan traballado nesta terriña", e, deste xeito, "achegar un pouco Campo Lameiro a Bueu, de aí o título do musical: Do campo ao mar", engade.

Será, polo tanto, un concerto caracterizado pola calidade das formacións convidadas e pola nova ocasión para a Coral Polifónica Marusía de achegar o seu traballo aos seus veciños de Bueu e aos visitantes. Como colofón, destaca a presenza do coro infantil, que na anterior ocasión representara o musical Soñando despertas, conseguindo o caloroso aplauso do público, que o gozou especialmente.

A organización agradece o patrocinio desta actividade por parte da Concellería de Cultura do Concello de Bueu, da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra. Así mesmo, resalta e agradece o apoio das casas comerciais que apoian o evento: Cafetería Centro Social do Mar, Instalaciones Eléctricas Crespo, Copistería Papelería Imago, Pescados y Mariscos Miguel A. Martínez, Confraría de Pescadores de Bueu, Pescadería Maika-Beluso, Supermercado Carlos-Beluso, Eroski, Panadería Olga, Froiz, Regalos Genma Cestay, Frutería Rúa Nova-Beluso, Gadis, Panadería Oliveira-Beluso e Congelados Hiperxel.

Comentarios