Versos para fornecer os dereitos humanos

Gael Campos gañou o V Certame Carme de Xinzal, celebrado no colexio Aurelio Rey
De esquerda a dereita: Mohamed Fadel, Gael Campos, Roi Fandiño e Bieito González
photo_camera De esquerda a dereita: Mohamed Fadel, Gael Campos, Roi Fandiño e Bieito González

"Valoramos os contrastes visuais que se xeran, así como o uso de recursos estilísticos evidentes e xogos de palabras preciosos", subliña o xurado da cuarta edición do Certame de Poesía Carme de Xinzal, que acordou outorgar o primeiro premio ao poema Esperanza, de Gael Campos Picallo.

"Primeiramente bosquexa o campo no que profunda (as desigualdades sociais), para rematar, nos últimos catro versos, dun xeito positivo, abrindo o cancelo —logo así— do que se desexa no propio título: a esperanza", engade. "O ritmo faise visible cunha rima non pautada, pero que anima case a crear un rap", valoraron os encargados tomar a decisión.

La Asociación Cultural O Fervedoiro, que organiza esta actividade, decidiu conceder o segundo premio a Mohamed Fadel Hamida, autor do poema Liberdade. "Trátase dunha prosa poética moi ben enfiada, conseguindo ser un todo no seu conxunto. É un verdadeiro canto ás mulleres e, en particular, ás do deserto, ás saharauís: de sorrisos doces e, ás veces, amargos coma o té sen azucre (di o autor)". Os membros do xurado expoñen que "son continuas as comparacións, as imaxes visuais e as figuras retóricas.Introdúcenos dentro dun interesante concepto (co que remata a súa composición), que vivir sexa o mesmo que ser libre".

O terceiro premio recaeu no poema titulado Vida, asinado por Manuel Bieito González Picáns. "Achéganos á embriagante situación que nos produce ver os telexornais ateigados de nenos que choran e artefactos explosivos que arruínan vidas e sociedades, e fai fincapé no dereito á vida das crianzas pois estas, segundo o seu autor (tamén neno, sublíñese) só queren ‘xogar e pasear entre as flores’".

O xurado apunta que "na composición subxace unha idea ben a ter en conta: 'a liberdade compartida', comprendida dende o punto de vista en que todas as persoas deben gozar dela; polo tanto esta débese compartir (ou repartir), o que ten que ver co concepto de solidariedade".

Aínda que nas bases se indica que ían ser tres os premios, O Fervedoiro considerou oportuno facer mención á composición titulada Iguais, de Roi Fandiño Maquieira. "Fai fincapé na violencia que se transmite sen pudor por algúns medios de comunicacións (sabendo que a violencia é o xermolo de máis violencia)", argumenta.

Os premios foron entregados este martes nun acto celebrado no Colexio Público Aurelio Rey, onde se celebrou este evento, no que colaboraron os profesores do centro.

Comentarios