Novelas de esquerdas de señores de dereitas

"Ferdinand Céline, un nazi redomado, escribiu 'Morte a crédito', a novela social que non foi capaz de escribir ningún dos autores que militaron na resistencia nin no PCF. 'Morte a crédito' é visiblemente un libro de esquerda, un libro de barrio, de xente pobre. Un libro que expresa a dor e a vitalidade das clases baixas"

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

UNHA DAS mellores novelas que lembro ter lido sobre os fuxidos do 36 non é de ningún autor comprometido coas vítimas, senón dun home con carné da Falanxe. Falo de Xosé María Castroviejo e de La montaña herida, un libro dificil de localizar. A min prestáronmo hai anos e aínda lembro algunhas escenas e sobre todo o estilo. Cando alguén fala do tema, véñenseme á cabeza esas imaxes. Claro que Castroviejo era un falanxista bastante especial. Ler e escribir libros xa o facía raro de por si. Ademais era bastante galeguista.

Cando Cunqueiro dirixía Faro de Vigo, Castroviejo acostumaba a pasar cada quince días polo seu despacho e, no momento no que o de Mondoñedo se descoidaba, porque o chamaban ou porque tiña que saír a algo, el colocaba a carpeta enriba de dous ou tres títulos que lle interesaban e que había encol da mesa. Normalmente eran novidades que as editoras lle enviaban ao periódico. Despois, á hora de marchar, tomaba a carpeta e, disimuladamente, tamén os dous ou tres libros que había debaixo. Cunqueiro facía como que non se decataba. Pode que incluso os colocase previamente alí, agardando a visita de Castroviejo.

Así era a cultura que había no franquismo, pura miseria, como case todo o demais. E iso que estamos referíndonos a persoas, en teoría, ben situadas. En teoría, porque se lemos, por exemplo, as cartas entre Cunqueiro e Del Riego, vemos como o primeiro lle mendigaba con frecuencia 500 ou 1.000 pesetas, en calidade de axuda persoal ou como adianto polas vendas dos libros que tiña editados en Galaxia.

Pero, para ben ou para mal, estas vicisitudes da vida dos autores, pouco ou nada nos importan aos que vimos despois. O que agora nos interesa é que La montaña herida é unha gran novela sobre a experiencia dos que liscaron como puideron da represión franquista. Non se pode facer unha novela así sen un alto grado de sensibilidade e honestidade interior, por moito que alguén demostre que Castroviejo tiña na súa vida máis claroscuros que un cadro de Caravaggio. Como o propio Cunqueiro.

As persoas non somos planas nin unidimensionais. Andan a dicir por aí ultimamente que os humanos "somos pel". A cita é do xornalista de La Vanguardia Enric Juliana, que a tomou de Pla —o Cunqueiro catalán— que a tomou, ao parecer, de Gide que a tomou, á súa vez, de Valéry. Pois ben, sinto contradicilos a todos. Os humanos non somos pel, somos máis ben o que dan de si os nosos complexos e os nosos medos.

Ferdinand Céline, un nazi redomado, aínda que era escritor e francés, escribiu Morte a crédito, a novela social que non foi capaz de escribir ningún dos autores que militaron na resistencia nin no PCF. Morte a crédito ten o estilo afiado e a altura literaria propias de Céline, pero é visibelmente un libro de esquerda, un libro de barrio, de xente pobre. Un libro que expresa, mellor que ningún outro daquel momento, a dor e a vitalidade das clases baixas.

Céline segue condenado pola sociedade, a intelectualidade e a política francesa. Está considerado, con bastante razón, unha vergoña para a democracia. Era chulo, antisemita e babexaba cando vía os uniformes nazis que, para el, anunciaban a gloria. Pero tamén facía eses libros, como dicilo, xeniais. Como o máis coñecido, Viaxe ao cabo da noite. Libros nos que palpitan os marxinados e a reivindicación soterrada de xustiza. Algo bo tiña que haber nel, e non só como escritor, senón tamén como persoa. Talvez agora o reivindique Marine Le Pen, se non o reivindicou xa.

O caso de Knut Hamsun, o autor de Fame, tamén é un exemplo do que vimos dicindo. De orixes moi humildes, escribiu novelas que só pode imaxinar alguén que tivo que arrastrarse moitas veces polos camiños, coa roupa feita farrapos e a fame no ventre. Hamsun tamén foi xenial. Recibiu o premio Nobel. Pero de política sabía menos do que cría. Despois de entrevistarse con Hitler, o führer preguntoulle a un dos seus colaboradores: "Pero quen me trouxo aquí a este?". As ideas de Hamsun eran insensatas. De ser el o führer, todo tería acabado bastante peor, polo menos para Noruega, o seu país.

Moitas persoas cren, incluso hoxe en día, que os escritores son todos 'rogelios', por usar o vocabulario de Ignacio González. Pero para escribir hai que ter tempo e iso significa diñeiro. E se es moi pobre, terás desexos, incluso a necesidade, de ascender e iso lévate, inelutabelmente, polo camiño das dereitas que son case sempre as que poden dar algunha esmola ou algunha sinecura.

Borges era bibliotecario. Non facía nada, simplemente lía, a pesar de ser case cego, e escribía. Non é necesario dicir que foi un dos mellores narradores do século. Ademais era favorábel á ditadura arxentina, favorábel aos imperios e ao colonialismo e combatía, á escala que combate un escritor, case todas as causas que outros consideramos xustas.

Din que un escritor debe sentirse Deus, cando se pon na máquina, supoño que para desprenderse así da presión social e liberar a súa orixinalidade. E que mellor que terse por un aristócrata, por un ser escollido, para exercer ben ese papel.

Indo aos clásicos, un dos maiores expoñentes da contradición que pode haber entre as ideas dun autor e as súas obras, encontrámolo en Balzac, o autor da Comedia humana, esa especie de enciclopedia de sinsabores que retrata o mundo bastante mellor que a maioría dos outros libros do seu tempo.

É sabido que Marx consideraba que o francés explicaba o funcionamento da sociedade case tan ben coma el. Marx non era de ideas esquemáticas, como despois si o foron bastantes dos seus seguidores.

Balzac trataba de facer méritos para ser incluído na nobreza, quizais debido a traumas infantís que nunca superou, pero mentres tanto, entre tazo e tazo de café, que era a súa droga favorita, describía, por exemplo, os horrores de ter que levantar unha empresa, dentro dun sistema capitalista inxusto. E escribía ben, con precisión e bo xuízo, porque contaba coa experiencia propia. Quixo erguer unha imprenta pero arruinouse, viviu sempre perseguido polo fisco e os acredores. Pero esperando, iso si, a que alguén o nomease duque ou marqués, aínda que fose grazas a un enlace matrimonial.

A vida non é simple, aínda que nos guste crer que si, cando nos poñemos a ver unha serie americana ou a ler un novelón antes de nos deitar. Non queremos que nada perturbe a nosa tranquilidade nocturna.

Pero, que se lle vai facer se a boa literatura é precisamente a que nos inquieta. E, se o autor é ademais carne de psicanalista, pois máis aínda.

Comentarios