A estudante Sofía Cortés gaña o certame musical de 'Ben veñas maio'

Os premios entregáronse nun acto que tivo lugar no Pazo da Cultura que recoñeceu o traballo dos mozos pontevedreses en seis áreas
A gañadora do certame musical, no Pazo da Cultura
photo_camera A gañadora do certame musical, no Pazo da Cultura

Sofía Cortés, do IES Sánchez Cantón, gañou o concurso musical Ben Veñas Maio celebrado este sábado no Pazo da Cultura de Pontevedra. O segundo premio foi para o grupo chamado Zippo (formado por Desirée, Elena, Juan e Iñaqui) e o terceiro para Faísca (Sara e Rubén do IES A Xunqueira II). Houbo tamén un premio especial para a banda Stock (José Lázaro González, Julio Esteban e José Manuel Castaño).

As catro bandas foron as seleccionadas dun total de sete agrupacións de mozos pontevedreses que tocaron en galego a tarde do sábado.

O concurso encádrase dentro do conxunto de certames do programa Ben veñas, maio, que recoñece o traballo dos mozos de Pontevedra en seis áreas diferentes: música, banda deseñada, curtametraxes, fotografía, poesía e narrativa. Trátase dun proxecto promovido pola Concellería de Normalización Lingüística coa coordinación dos equipos de Normalización Lingüística dos centros, neste caso dos do CIFP A Xunqueira e o IES Luís Seoane. O obxectivo do programa é promover o uso do galego entre a mocidade a través da creatividade.

María Rey, Ana Fernández, María Paz Paz, Paula Domínguez, Noemí Veiga e Alba Fernández gañaron os outros cinco certames

Deste xeito, os gañadores de todos os certames recolleron os seus premios tras as actuacións musicais. O primeiro premio do Concurso de Banda Deseñada foi para María Rey, por Linguas (IES A Xunqueira I); o segundo, compartírono Antía Piñeiro, María Cacabelos e María Ángeles Vecino (todas do IES A Xunqueira I).

No Certame de Curtametraxes foi premiada Ana Fernández Arruti, por Unha soa decisión (IES Sánchez Cantón). María Paz Paz (IES A Xunqueira I), Carolina Munais (IES Sánchez Cantón) e Manuel Búa (IES A Xunqueira I) foron os gañadores do Certame de Fotografía polas obras Unicornio Azul, Acentúate e MB2, respectivamente.

Na área de poesía gañaron Paula Domínguez (IES Valle Inclán) e Carla Gutiérrez (IES Valle Inclán), na categoría A, e Noemí Veiga, Carlota Corredoira e Fabio Rivas, na B. Tamén houbo premiados no Certame de Narrativa. O primeiro premio foi para o relato O diario de Jack, de Alba Fernández (IES Sánchez Cantón) e o segundo compartírono Gonzalo Valiñas (IES Torrente Ballester), Roi Varela (IES Torrente Ballester) e Ana Fernández (IES Sánchez Cantón).

O xurado valorou a orixinalidade dos traballops para entregar os premios, que oscilan entre os 150 e os 75 euros por participante. Ademais, entrégase un lote de libros e un diploma.

Comentarios