Pereiro: "O máis simpático na vida normal son eu; Jose é bastante serio"

O actor e a súa metade, Xosé A. Touriñán, Os Dous de Sempre, celebran cunha xira os seus 15 anos na escea
Xosé A. Touriñán e Marcos Pereiro durante o espectáculo 'Agora en serio'
photo_camera Xosé A. Touriñán e Marcos Pereiro durante o espectáculo 'Agora en serio'

Marcos Pereiro e Xosé Antonio Touriñán, Os Dous de Sempre, estrearon o pasado venres en Noia un novo espectáculo teatral, dirixido por Evaristo Calvo e escrito por Manolo Cortés.

Agora en serio trátase dunha peza inédita que condensa dun xeito particular a traxectoria do dúo nos últimos quince anos. O próximo 17 de maio cúmprese ese aniversario da súa primeira actuación xuntos, unha data moi especial que celebrarán facendo o que mellor saben facer: comedia.

"Trátase dun percorrido polos personaxes de todos estes anos e polas nosas vidas tamén", adiantou sobre o espectáculo dunhas dúas horas de duración para o que xa están todas as entradas practicamente vendidas.

En Agora en serio terá cabida todo ou case todo. O show percorrerá nove localidades de Galicia na que o público atopará moito do que coñece dos cómicos, pero tamén moitas sorpresas. Unha cara de Pereiro e Touriñán menos coñecida pero igual de divertida.

Estes dous humoristas coñecéronse no colexio de Tarrío, en Culleredo. Fixeron teatro xuntos dende pequenos e mesmo compartían outras afeccións como o balonmán. "Jose xogaba moi ben, pero quen ten máis títulos son eu", comenta entre risas Pereiro, que nos atende por teléfono. Touriñán delega o labor nel, polos seus compromisos con Land Rober. "Pero, ben, aínda que faciamos teatro no colexio, nun grupo de teatro, isto da actuación foi un pouco de casualidade, porque eu fixen fotografía e Jose é filólogo. Creo que el era o que tiña menos claro o de dedicarse a este mundo".

O que si tiveron claro dende o principio era que querían explotar o seu talento non só como actores, senon como creadores de contidos, e por iso montaron a súa propia produtora.

Mentres facemos a entrevista escoito a un grupo de mulleres desatadas ante Pereiro, que me conta, está nunha cafetería. "Pero mira que es ghuapo!", dinlle. El rise, obvio, ante a espontaneidade das fans.

Toca falar do éxito de Mucha e Nucha, as Cantareiras de Ardebullo, todo un fenómeno do Luar e tamén social. "Eu penso que tiveron éxito porque nelas vense reflexadas fillas, nais, avoas, a o xeito de falar nas casas, eu creo que vén por aí".

O éxito de Mucha e Nucha, sen embargo, non foi inmediato. Tiveron que pasar máis de 200 actuacións e ata un cásting fallido no propio Luar de TVG -"si, a primeira vez non lles gustamos, ou non necesitaban un dúo cómico dese estilo"- para que estas gamberras da escea conquistasen aos televidentes e a todo un país. "Si, pasarán a saudar no espectáculo de Lugo", adianta Pereiro.

Un Pereiro que se confesa bastante "tímido", así como produto da era internet. "Son 'instragramero' total, de feito colgo una foto cada día e logo teño una páxina de fotos: marcospereiropics.com". Encántalle fotografar á xente, a foto de rúa, "é dicir, fotos de Carral, pero como se estivese en Nova York. O que é foto de calle rural", bromea.

Goza tamén, cando non está sobre as táboas, cos paseos en bici, ou as pachangas na consola. "Teño aí aparcado un videoxogo que cando o colla este luns...". "Non son dos que botan catro horas, non, son dos que botan oito", di a gargalladas.

A Touriñán úneo unha amizade a proba de misiles. Di que nunca se teñen enfadado nin hai ningún tipo de competición entre eles. Pero isto si que o deixa claro: "Creo que o máis simpático na vida normal son eu, Jose é bastante serio aínda que non o pareza".

Comentarios