O Surfing de Lérez e Davide Salvado, entre os nomeados

Os músicos galegos véñense a Pontevedra

Abe Rábade, Natacha Zürcher e Teresa Cuíñas formarán parte do primeiro xurado profesional que entregará os Premios Martín Códax ►A gala celebrarase o 3 de maio no Pazo da Cultura
Iria Pinheiro, Xosé Leal, Carmen Fouces, Areta Bolado, Jacobo Sutil e María Garrido (de esquerda a dereita), este xoves, no Concello
photo_camera Iria Pinheiro, Xosé Leal, Carmen Fouces, Areta Bolado, Jacobo Sutil e María Garrido (de esquerda a dereita), este xoves, no Concello

Os músicos Abe Rábade, Natascha Zürcher e Benxamín Otero; a xornalista Teresa Cuíñas; o produtor Xulio Cordeiro; o promotor Zósimo López e a empresaria Noemí Vázquez son os sete membros do xurado dos Premios Martín Códax da Música, que se entregarán o 3 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra. Así o anunciou onte a presidenta da asociación Músicos ao Vivo, Iria Pinheiro, que tamén avanzou que a gala de entrega de galardóns, como en edicións anteriores, servirá para facer explícitas as demandas do sector, entre outras, as relacionadas coa nova lei de espectáculos, as políticas municipais para regular a música ao vivo, a necesidade dunha maior presenza da muller no sector, a constitución dunha cooperativa de facturación galega e a importancia de promover a educación musical.

Pinheiro, que estivo acompañada pola concelleira de Cultura, Carmen Fouces; a directora de marketing das adegas Martín Códax, María Garrido; o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e Areta Bolado, de A Panadaría Teatro, presentou a cuarta edición dos premios da música galega, que este ano incorporaron algunhas novidades, como a decisión de que un xurado profesional sexa o que entregue os galardóns ou a imposibilidade de galardoar aos premiados do ano anterior.

Unha maior presenza feminina na industria musical será precisamente un dos eixes da proposta escénica que preparou A Panadaría Teatro para a gala. A compañía realizará unha posta en escena que relacionará música e gastronomía, "para reivindicar os moitos sabores da música galega", dixo Areta Bolado. A actriz tamén avanzou que os gañadores dos premios do ano pasado estarán moi presentes nunha gala na que actuarán As Pataconas, "as nosas Supremes enxebres", e se realizarán versións paródicas das cancións gañadoras de 2016. A música en directo poñeráa unha banda formada por Antía Ameixeiras (Luar na Lubre), Lorena Cachito (Ses), Inés Mirás (Ivy Moon) e Aida Saco (Barahúnda).

PÚBLICO-PRIVADO. Os patrocinadores dos premios dixeron sentirse "felices" de seguir participando neste certame. "Neste caso é imposible non involucrarse a nivel sentimental", dixo María Garrido, que felicitou a Músicos ao Vivo polos premios ao tempo que á produtora cultural O Cable Inglés e á Panadaría por sacar adiante a gala. "Para nós é moi importante manter esta aberta esta relación entre o público e o privado para que os proxectos medren. Queremos seguir nesta liña", sinalou Garrido, que se referiu á entrega de premios como "unha festa dos músicos para os músicos".


No apartado institucional, os representantes das distintas administracións insistiron na necesidade de ampliar o apoio do sector privado a propostas do eido cultural, ao tempo que se destacou "o peso específico" que a industria musical ten en Galicia e a importancia que ten darlle visibilidade aos proxectos que se sacan adiante dende aquí.

Comentarios