"Pontevedra é unha inspiración; copiar é banal pero inspirarse é moi importante"

Tonucci desembarca en Pontevedra para promover as "cidades dos nenos"

O psicopedagogo protagonizará esta semana diversas actividades impulsadas pola Deputación ►O venres inaugurará no Pazo da Cultura a exposición 'Imaxinar a educación. 50 anos con Frato'
Francesco Tonucci foi recibido polos responsables do Goberno provincial
photo_camera Francesco Tonucci foi recibido polos responsables do Goberno provincial

O psicopedagogo e debuxante italiano Francesco Tonucci (tamén coñecido co pseudónimo Frato) protagonizará esta semana unha completa axenda de actividades programadas pola Deputación de Pontevedra, que incluirá actos en varios concellos e culminará o venres coa inauguración da exposición Imaxinar a educación. 50 anos con Frato.

Como primeiro paso, o investigador que ideou a cidade dos nenos foi recibido este luns polos responsables do Goberno provincial e louvou o traballo realizado pola Deputación para tratar de estender o modelo Pontevedra ao resto dos municipios da provincia e así deseñar vilas adaptadas aos cativos, ás persoas en xeral, por diante dos vehículos.

O propio Tonucci afirmou que a capital do Lérez "é a cidade, a nivel internacional, que máis en concreto aplicou a idea e que a levou a unha proposta coherente de cambio do deseño das rúas para que favorezan á xente en lugar de aos coches", asegurou.

Ademais, engadiu que Pontevedra será ata o mes de xullo un lugar "céntrico" para a súa filosofía pola inauguración da súa exposición, así como pola celebración do encontro de cidades españolas da rede a finais de maio.

Ao longo desta semana, o pedagogo impartirá conferencias e visitará centros educativos e concellos adheridos á rede de Cidades das nenas e dos nenos na provincia, impulsada pola Deputación. Concretamente, este martes presenta a mostra que permanecerá no Pazo da Cultura ata 11 de xuño e visitará o CEIP Viñagrande-Deiro en Vilanova, así como Cambados e O Grove. Mañá coñecerá a vila de Ponteareas, inaugurará o salón de plenos de Tomiño con máis de 100 rapaces e participará nunha comida de traballo cos alcaldes dos concellos adheridos á rede no Sur da provincia. O xoves impartirá unha conferencia ás 20.00 horas no Museo de Pontevedra (entrada libre) sobre A autonomía das nenas e dos nenos: unha necesidade para eles, un recurso para a escola e a cidade, e o venres protagonizará a apertura ao público da exposición Imaxinar a Educación. 50 anos con Frato.

A día de hoxe son 20 os concellos da provincia adheridos á rede de Tonucci: Pontevedra, Catoira, As Neves, Marín, Ponteareas, Salceda de Caselas, Mondariz Balneario, Caldas de Reis, A Cañiza, Valga, Lalín, Arbo, Silleda, Ponte Caldelas, Tomiño, Nigrán, Cangas, A Guarda, O Grove e Cambados. O seu principal impulsor, o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, subliñou que aínda que parece unha idea moi sinxela e traballada por moitos autores, o plantexamento de Tonucci (intentar construír unha escola e unha sociedade a partir dos intereses dos nenos), ten a característica de que é "actual e ataca a realidade da sociedade que temos hoxe, totalmente mecanizada, que busca unha comodidade enfermiza e pretende unha vida sumamente artificial para os nenos. Utilízase a desculpa da protección pero é un despotismo ilustrado moi forte, porque é todo para os nenos pero sen os nenos. De democrático non ten nada", dixo.

Pola súa banda, a presidenta provincial, Carmela Silva, tamén se declarou "encantada" de que esta semana o pedagogo expoña as súas ideas na provincia. "Pontevedra é un dos modelos do proxecto Tonucci e o vicepresidente está a traballar noutros concellos para que se tome como exemplo e que o espazo público volva ser o espazo das persoas e non o das máquinas e dos coches, coa calidade de vida que iso supón", engadiu.