A cuarta posición que ningún equipo parece querer conseguir

Os erros do Pontevedra CF e os seus rivais na segunda volta danlle emoción á loita polo play-off
Os xogadores granates, cabizbaixos tralo partido ante o Coruxo
photo_camera Os xogadores granates, cabizbaixos tralo partido ante o Coruxo

Non era un espellismo, pero tampouco representaba a realidade dos planteis da Segunda B. A primeira volta da campaña que realizou o Pontevedra foi tan excepcional como decepcionante a dalgúns bloques chamados a ocupar os primeiros lugares da categoría. Na segunda metade do campionato o equipo de Pasarón está a padecer as complicacións propias do calendario, as lesións e a suba de nivel dalgúns contrincantes ata o estremo de que está a ter a puntuación propia dun cadro da zona media da clasificación.

Sen embargo, os outros aspirantes a ocupar o cuarto lugar, a Ponferradina e o Valladolid B, tamén sofren as mesmas dificultades para sumar con regularidade. Como resultado desa circunstancia, o Pontevedra conserva unha sustancial vantaxe con respecto aos seus perseguidores que podería ser dabondo na súa pelexa por clasificarse para a promoción.

Os marcadores da última semana, na que os tres cadros empataron os seus respectivos enfrontamentos contra bloques da zona media da clasificación, pon de manifesto a igualdade da categoría á marxe dos tres primeiros e os obstáculos que están a atopar para achegarse ao obxectivo do play-off.

De feito, eses erros dos adversarios, sumados á gran primeira metade do curso da escadra de Luisito, están a permitirlle seguir dependendo de si mesmo para conseguilo.

O Pontevedra leva 19 puntos na segunda parte da temporada. Nunha teórica clasificación desa fase do campionato, o equipo da cidade do Lérez estaría no décimo segundo lugar. Pero o Valladolid B, actualmente na quinta praza, estaría no décimo terceiro cos mesmos puntos, mentres que a poderosa Ponferradina, a gran decepción do campionato, estaría no oitavo posto, con 21 puntos, só dous máis ca granates e vallisoletanos.

Algo que apenas cambiou entre a primeira parte do curso e a segunda son os tres mellores e os tres peores equipos da Segunda División B. O Somozas, a Arandina e o Palencia son os últimos clasificados, mentres que o Racing de Santander, o Celta B e a Cultural Leonesa seguen a marcar a pauta, aínda que o cadro leonés foi incapaz de manter o seu ritmo infernal de puntuación e viuse superado polo Celta B e o Racing de Santander nos últimos partidos.

Conxuntos que pasaron dificultades nos primeiros enfrontamentos do curso, como o Guijuelo ou o Racing de Ferrol, reconciliáronse co fútbol nas 16 xornadas que se levan disputadas da segunda volta da Liga, aínda que a ningún dos dous lle chegará para disputar a fase de ascenso.

Comentarios