Os libros volven á Ferrería

Unha ducia de libreiros festexan na rúa o Día do Libro da man do Concello a través da iniciativa 'Pasen e lean' ►A proposta, apoiada por unha programación cultural de contacontos e actuacións, agrupou aos participantes no centro da praza e eliminou as casetas
Detalle da actividade na Ferrería
photo_camera Detalle da actividade na Ferrería

Os libreiros de Pontevedra volveron ocupar a rúa. Sen casetas de por medio. Unha ducia de negocios, o número máis alto que se lembra na cidade agrupado arredor do mesmo proxecto, levou as últimas novidades editoriais á Praza da Ferrería, co gallo do Día do Libro, da man do Concello. A iniciativa bautizouse como Pasen e lean e estivo arroupada por unha programación de actividades que incluía contacontos (Raquel Queizás e Polo Correo do Vento), espectáculos de humor (Isabel Risco) e de música (LiliCleta e Flip Corale).

Mercedes Corbillón Cronopios
"Participamos encantados nunha proposta como esta, fermosa e diferente, que axuda a facer unha festa
"

Centos de persoas visitaron ao longo do día esta proposta que apostou por eliminar as habituais casetas das feiras do libro e, a través dun deseño do espazo ideado por Elefantes de Cacharrería, agrupou aos libreiros (Paz, Seijas, Cronopios, Patakafrita, DLectum, Cao, Aviones de Papel, Nobel, Clip, El Pueblo e Metáfora, xunto con La Nube de Papel, unha incorporación que non aparecía na información facilitada polo Concello) no centro da praza, nun espazo colectivo, que, se ben foi ben recibido por parte dos visitantes, a outros pareceulles escaso.

"A min gústame esta idea de presentar aos libreiros todos xuntos, nunha actividade cooperativa", contaba Sandra Peña, unha visitante pontevedresa. "Visualmente resulta moito máis atractivo que outras veces", comentaba esta "lectora e compradora de libros", que o domingo se felicitaba por telos na rúa un 23 de abril. A José Quiñones, de Poio, a iniciativa tamén lle gustou, pero recoñecía que agardaba outra cousa. "A idea é boa, pero podería ter sido unha proposta máis ampla: eu, a verdade, contaba con algo máis grande e con máis libros".

Laura Filgueira Patakafrita
"Esta iniciativa do Concello é unha oportunidade. Só unha pega, que se pode corrixir: quizais quedou algo pequena
"

opinións. Entre os libreiros tamén había opinións divididas. Mercedes Corbillón, de Cronopios, mostrábase contenta pola posta en marcha dunha iniciativa como Pasen e lean, agora que o Concello decidira prescindir, de acordo co gremio local, da participación nas Feiras da Federación de Libreiros e da Xunta. Ela mesma manifestara a súa intención de non participar máis naqueles eventos. "Isto é outra cousa, unha cousa bonita. Nós participamos encantados nunha proposta como esta, fermosa e diferente, que axuda a facer unha festa do libro. Non se trata de facer caixa, senón de axudar a facer cidade".

Laura Filgueira, de Patakafrita, tamén se mostraba feliz de participar na iniciativa. "Para min é unha oportunidade. E aquí estou. Para ser a primeira vez quedou moi ben. Quizáis só unha pega, que se pode corrixir: igual é algo pequena".

No mesmo insistían tamén en Seijas ou Nobel. "É unha experiencia moi bonita, pero nun espazo moi reducido. Son cousas, en todo caso, que se poderán mellorar". Miguel Fontenla, de DLectum, coincidía. "A experiencia das feiras do libro non era moi boa. Isto é algo diferente. Só que o espazo é un pouco limitado".

Comentarios