O PP de Poio denuncia o uso noutras vilas do material da recollida de lixo

Cándido Muíños califica a situación de "irregularidade gravísima"
Camión de carga lateral traballando no recinto portuario de Marín
photo_camera Camión de carga lateral traballando no recinto portuario de Marín

O grupo municipal do Partido Popular denuncia que camións da recollida de lixo de Poio prestan servizo noutros municipios, unha práctica que "está expresamente prohibida". Un dos voceiros do PP, Cándido Muíños, entende que é "unha irregularidade gravísima por parte da adxudicataria, especialmente se se fai sen o consentimento expreso do Concello".

Muíños entende que esta situación "é a pinga que enche o vaso no funcionamento deste servizo, que custa aos veciños de Poio 800.000 euros ao ano e que se ten convertido nunha sucesión de despropósitos co compadreo do Goberno local". Os populares publicaron este sábado varias fotografías, onde se pode ver como varios camións de carga lateral traballan noutras vilas, como, por exemplo, Marín. "Todos os camións e o material do contrato do lixo son para o seu uso exclusivo en Poio, salvo que exista unha aprobación expresa do Concello para que a maquinaria poida ser empregada noutras localidades", advertiu Cándido Muíños.

O edil do Partido Popular resaltou que estes dous episodios son só "os casos dos que hai fotos", e non descartou que continúen aparecendo probas deste quebrantamento do contrato entre a empresa Valoriza e o Concello, que "vén a confirmar as nosas sospeitas: os veciños de Poio pagan o recibo máis caro da provincia e un dos máis caros de Galicia porque están financiando a recollida noutros concellos coa complicidade do bipartito".

Comentarios