O Salón do Libro de Pontevedra pecha con máis de 30.000 visitas

A organización escolleu o Día Internacional da Literatura Infantil e Xuvenil para despedir a feira deste ano, que chegou á maioría de idade con éxito ►16.000 escolares gozaron da cita durante os 24 días nos que se mantivo aberta
Representación de 'As portas de Escaquis'
photo_camera Representación de 'As portas de Escaquis'

Adeus ao XVIII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. A cita aproveitou a celebración do Día Internacional da Literatura Infantil e Xuvenil para pechar as súas portas cun éxito de asistencia: 32.000 persoas pasaron polo lugar ao longo das tres semanas que permaneceu aberta a feira. Este número iguala a cifra acadada pola feira na súa anterior edición. O dato supón un fluxo de 1.300 visitantes cada un dos 24 días que estivo aberto o Salón. Do total de asistentes, 16.000 foron escolares dos centros de ensino galegos. Do mesmo xeito, a organización destaca que "foi unha edición de récord en canto ó número de centros (50) que colaboraron cos seus traballos sobre a temática deste ano, O Mundo que Queremos". "Conclúe así a edición número XVIII dun proxecto cultural único na súa clase e premiado a nivel internacional, que ten como fin último o fomento da lectura, achegando a literatura ao público dende moi diversas perspectivas", sinalaron fontes da organización do evento. Agora, dende a concellería de Cultura de Pontevedra e o Pazo xa traballan na vindeira edición, que se celebrará do 6 ao 29 de abril de 2018.

A derradeira xornada do Salón do Libro contou cun espectáculo creado para a ocasión por Lucía Aldao, María Lado e o Seminario Permanente de Jazz. Tratábase dun conto musicado titulado As portas de Escaquis. A historia estaba baseada na novela Escaquis e Romeu, que escribiu Antonio Manuel Fraga para esta edición do Salón do Libro. O espectáculo tivo lugar no Recinto Feiral e reuniu a público familiar que quixo aproveitar a última xornada da feira. E é que o dito espectáculo só se representaba neste espazo, polo que os pequenos non poderán volver a velo.

Ademais do conto musicado no que participaron os artistas do Seminario Permanente de Jazz, o Salón acolleu outras actividades no día do seu peche. Deste xeito, Víctor Rivas, que coordinou un obradoiro para a creación dun libro xigante polos propios nenos, entregou o resultado desta actividade á concelleira de Cultura de Pontevedra, Anxos Riveiro, nun acto presidido pola mascota do Salón do Libro, Orbil. A obra foi elaborada polos máis pequenos coa colaboración de varios ilustradores que deron forma e cor á imaxinación dos participantes no obradoiro.

EFEMÉREDE. Para festexar o Día da Literatura Infantil e Xuvenil, no Salón do Libro presentouse onte a lista de honra da Organización Internacional para o Libro Xuvenil (IBBY) e da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Galix). Os escritores Ramón Nicolás e Ledicia Costas (Premio Nacional de Literatura 2015) foron homenaxeados pola súa entrada na mencionada listaxe.

Ademais, a escritora Fina Casalderrey fixo lectura da mensaxe do Día Internacional do Libro Infantil 2017, que este ano preparou a sección rusa da IBBY a cargo de Sergey Makhotin. O manifesto titulábase Medremos co libro.

Por outra banda, entregóuselle a Antonio Manuel Fraga, autor de Escaquis e Romeu, unha caricatura realizada por Kiko Dasilva como agasallo. No acto tamén participou o xornalista e escritor Xosé Antonio Perozo.

A fin de festa correu por conta de Montse Escudero, Servando Barreiro e Anxo Moure, co seu contacontos musical Pandeiretas contra metralletas.

Outro dos momentos destacados da xornada tivo lugar no Recinto Feiral (este espazo, denominado O bosque das letras, foi unha das grandes novidades deste ano), onde o arquitecto e artista Román Corbato dirixiu o acto de derrubo do muro que se foi construindo con caixas de cartón ó longo do Salón. Coa caída do muro, que estivo cargada de simbolismo, quedou ao descuberto a mensaxe: "Entre todos e todas construimos un mundo mellor".

Obradoiros de teatro, talleres de máscaras e moitos contos despediron a XVIII edición do Salón do Libro, que chegou a maioría de idade. O próximo ano, máis.

O evento acadou un récord de participación de centros: 50 colexios colaboraron con traballos sobre ‘O mundo que queremos’ A escritora e académica Fina Casalderrey leu a mensaxe do Día Internacional do Libro Infantil 2017