Galicia, Mellor Sen Touradas propón convocar unha consulta cidadá sobre a tauromaquia

A plataforma presentará aos grupos parlamentarios unha solicitude formal para poder facer a consulta
Interior de la Plaza de Toros de Pontevedra
photo_camera Interior de la Plaza de Toros de Pontevedra

A plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas exporá nas próximas semanas aos grupos parlamentarios unha solicitude formal de consulta cidadá acerca da tauromaquia para dirimir se a Xunta de Galicia debe prohibir definitivamente esta práctica.  

Os abolicionistas entenden, tal e como explicaron nun comunicado, que un proceso popular avalaría calquera tipo de veto ás corridas de touros.  

Como argumentos fundamentais, esgrimiron, en primeiro lugar, o "rexeitamento social" que provoca a tauromaquia na comunidade, con tan só un 0,3 por cento de espectadores sobre o conxunto da cidadanía, segundo o propio Ministerio de Cultura. En segundo lugar, argumentaron, a "practicamente nula presenza" da actividade nos municipios galegos, con tan só dúas localidades que albergan eventos taurinos (Pontevedra e Valga) de maneira "moi localizada no tempo".

Galicia, Mellor Sen Touradas asegurou que o referendo é "a fórmula que garantiría a maior participación cidadá e un gran grao de lexitimidade social para avalar unha hipotética abolición", tal e como se tentou facer, indicou, en San Sebastián e Ciempozuelos, localidades que viron como o Consello de Ministros, lamentou, "rexeitaba a súa proposta de consulta veciñal sobre idéntica materia".  

A coalición apela á Xunta para "acabar dunha vez por todas" cunha práctica, destacou, "rexeitada socialmente". "A Xunta xa non pode seguir ignorando un asunto, o veto da tauromaquia, coma se non fose unha competencia autonómica", defendeu o portavoz de Galicia, Mellor Sen Touradas, Rubén Pérez.

Comentarios