Volve a música de Ricardo Portela 25 anos despois

O gaiteiro Óscar Ibáñez, os concellos de Cerdedo-Cotobade e Pontevedra, a Deputación e a Xunta homenaxean ao de Viascón ►Unha gala no Teatro Principal con actuacións e entrevistas recorda ao músico falecido hai 25 anos
Ofrenda floral ao busto de Ricardo Portela.
photo_camera Ofrenda floral ao busto de Ricardo Portela.

‘Aires de Pontevedra’ é o nome do novo disco de Óscar Ibáñez, que celebra o 25 aniversario do falecemento do gaiteiro de Viascón Ricardo Portela cun álbum que recolle as pezas máis importantes do músico. Para recordalo, os concellos de Pontevedra e Cerdedo-Cotobade, a Xunta e a Deputación de Pontevedra celebraron o venres unha xornada conmemorativa en recordo do artista. O día finalizou cunha gran gala no Teatro Principal na que Ibáñez presentou o seu traballo e na que se lle rendeu homenaxe ao de Viascón.

Os actos comezaron pola mañá no Concello de Cerdedo-Cotobade cunha ofrenda floral en Carballedo, diante do busto adicado ao músico na Praza do Concello a cargo da súa filla, Rosa Portela, que agradeceu á vila de Cotobade que o manteña na lembranza. A homenaxe contou coa presenza do presidente de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela; do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; do alcalde da Lama, Jorge Canda, e do músico Óscar Ibáñez, así como dun cento de veciños do lugar que quixeron participar na dita celebración.

 O álbum ‘Aires de Pontevedra’, de Óscar Ibáñez, recolle temas orixinais de Ricardo Portela e foi gravado coa gaita do de Viascón

Xa pola tarde, os actos trasladáronse á cidade de Pontevedra, onde se descubriu unha placa conmemorativa. Así, a rúa do Laranxo acolle dende onte unha homenaxe ao gaiteiro. Tamén durante a tarde, os músicos de Gaiteiros das Rías Baixas, Os Alegres, Foula e Os Trazantes de Tenorio protagonizaron un pasarrúas pola cidade do Lérez interpretando temas de Portela.

Xa pola noite, Óscar Ibáñez, que foi o promotor desta homenaxe, ofreceu unha gala na honra dun dos gaiteiros máis importantes da historia de Galicia. Na cita tamén participaron algúns músicos que tocaron xunto ao de Viascón, como Manuel Solla, que formou parte da agrupación Os Cruceiros.

OS TEMAS. Ibáñez tocou os temas que compoñen o repertorio do seu traballo ‘Aires de Pontevedra’ respectando o estilo de Portela, que tiña un xeito de tocar diferente, como Avelino Cachafeiro e Xan de Campañó, mestres de toque pechado, un xeito de dixitación propio de Pontevedra. O gaiteiro de Poio respectou tanto o traballo de Portela que mesmo utilizou a gaita do de Viascón para gravar o disco, un instrumento que permanece depositado de xeito permanente na Casa da Gaita de Viascón. A colaboración da familia foi fundamental para que Ibáñez puidese empregar este instrumento para o deu disco.

Ricardo Portela é unha figura recoñecida no mundo da música popular de Galicia que gozou de fama xa en vida. Foi fundador da Asociación de Gaiteiros Galegos, que logo dirixiu, e é inspiración de artistas da música actual como Milladoiro, Luar na Lubre ou Carlos Núñez.  

Comentarios