'Sing O´The Times'

Tempo de Prince

'Sign O´The Times', que fai 30 anos, é a exhibición do gran músico de pop dos anos 80 e o retrato dunha época convulsa que propón o amor como saída ► O regreso do catálogo do artista a internet permite desfrutar do seu talento e da súa audacia.

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

A PRIMEIRA VEZ que Pepé Willie escoitou a Grand Central, un grupo adolescente de Minnesota, foi nunha festa. A seguinte foi nun faiado. Os rapaces necesitaban un produtor e el, un baterista de trinta e poucos, tiña unha mínima experiencia no negocio da música. Pola metade da segunda canción tivo que parar o ensaio para dicirlles aos pícaros que as pezas debían seguir unha estrutura. "Introdución, estrofa, retrouso, ponte... Ninguén vos falou diso?". Entón o guitarrista, un cativo de metro e medio cuns ollos exipcios, deu un paso adiante e asegurou que traía un tema novo que tiña todo iso. Daquela sentou ao piano para indicarlle á teclista o que debía tocar; logo colleu o baixo para ensinarlle a liña rítmica ao baixista; para rematar, agarrou as baquetas e marcoulle o paso ao percusionista. Semellaba famento por expresarse. Semanas despois, cando Willie foi buscar aquel mocoso para que ensaiase coa súa banda, atopou a nai adoptiva do neno a baterlle no cu; escapara do colexio para sobarse cunha rapaza.

Á altura de 1986, quince anos despois, o pícaro convertérase nunha estrela do pop. Sen chegar aos trinta, Prince compuxera catro discos extraordinarios —Dirty Mind (1980), 1999 (1982), Purple Rain (1984) e Parade (1986)—, dos que os tres últimos alcanzaran un éxito masivo. Fixera dúas películas para maior gloria do seu ego inmenso —que non dos seus seguidores— e establecérase como unha celebridade comparable a Madonna ou Michael Jackson. Pero non tiña competencia como músico. Estirara o funk coma un chicle, atopara unha veta de carnalidade na tecnoloxía e xogara á provocación de todos os xeitos posibles: coa vestimenta, coa posta en escena, con letras dunha sexualidade sen cancelas, coma as de Sister ou Darling Nikki. A derradeira, a historia dunha moza que ten "todos os artefactos que o diñeiro pode mercar" para masturbarse, valeulle unha tentativa de censura; foi incluída entre as 15 pezas "inmundas" denunciadas pola asociación Parents Music Resource Center, que lideraba Tipper Gore, a dona do exvicepresidente dos Estados Unidos. Prince foi o responsable da etiqueta Parental Advisory, un clásico nas portadas dos discos de rapeiros. Ademais, tivera a audacia de apostar por rapazada —e por mulleres— para fundar The Revolution, a mellor banda do planeta, coa que daba concertos demoledores. Era o Rei Midas. Parecía que acadara todo o que podía soñar o pícaro de cinco anos que acudiu a un concerto da banda de jazz do seu pai e tremeu ao ver a entregada resposta do público feminino. 

E aínda así, seguía famento por exhibir os seus dons, igual que no faiado onde practicaba a súa banda de xoguete. Matt Thorne, autor de Prince (Alba Editorial, 2013), cre que o que diferenciaba o músico de Minnesota con respecto doutros grandes da música popular é "un desexo de impresionar inesgotable". Na primavera de 1986 sentiu ganas de soltar amarras co seu éxito recente, só que desta volta non quería ter que explicarlle nada a ninguén. Comezou a compoñer sen The Revolution e concebiu unha ópera pop de tres discos co título de Crystal Ball. Warner non quixo quitar aquela obra faraónica e comezou unha guerra entre o selo e o artista que duraría tres décadas. O que seguiu foi a apoteose de Prince. O dobre Sign O’ The Times é a afirmación dun músico que toca case todos os instrumentos, que asina —agás en tres das 16 pezas— música e letra de todos os temas. Tamén, o álbum máis variado dunha carreira que destaca polo seu eclecticismo. 

A resposta de Prince á minimalista crónica da rúa do rap é a crúa peza que lle dá título ao álbum. "En Francia, un tipo fraco morreu dunha enfermidade grave cun nome curto", arranca o disco a falar da sida, coma se non quixese darlle tempo ao ouvinte para acomodarse. Cun tono fatalista, o músico retrata unha sociedade violenta e presa das drogas, e denuncia a desigualdade dos Estados Unidos de Reagan, nos que as mulleres dos barrios negros matan os seus bebés "porque non hai que comer/ mentres enviamos xente á Lúa". O tema foi elixido como single, unha declaración de intencións. Nun ano, o 1987, no que os videoclips se mimaban máis ca música —vexan a coreografía de Bad, de Michael Jackson—, Prince obrigou o público a centrarse na letra cun sobrio gráfico xeométrico. Na portada do disco, os símbolos do imperio en horas baixas. 

O álbum non pretende ser unha radiografía da sociedade capitalista nin tan sequera un disco conceptual, pero semella nutrirse dunha época convulsa. En cada entrega, Prince inclúe alomenos unha oda aos seus propios poderes como amante, pero a que presenta en Sign O’ The Times é máis amarga ca laudatoria; I Never Take The Place Of Your Man fala dunha nai solteira á procura dun home que lle axude a saír adiante —por desgraza, nada que unha estrela do rock poida ofrecer—. Unha muller embarazada sen nada que levar á boca reza en The Cross, unha das alternativas que lle propón o protagonista ao estado da nación. A peza, un góspel disfrazado de rock, comeza cun riff de guitarra parco e adictivo, ao xeito da Velvet Underground. 

O álbum non pretende ser un disco conceptual, pero semella nutrirse dunha época convulsa

Pero se coa que está a caer hai unha saída, suxire Prince, é o amor. If I Was Your Girlfriend é a tentativa dun home de falar coa súa parella "de muller a muller", un recoñecemento da barreira do xénero, da incapacidade de achegarse a ela dun xeito máis íntimo. "Se fose a túa única amiga,/ correrías cara a min cando alguén te mancase?/ Incluso se ese alguén fose eu?", canta o músico de Minnesota, cun falsetto tan soberbio que desafía os estándares de sexo. A única pega das dúas baladas do álbum é que nalgún momento teñen que rematar. Con Adore, o cantante loce de novo poderes vocais, cos que invoca aos grandes intérpretes de soul dos 60-70; Sam Cooke, Marvin Gaye, Al Green. A canción mestura relixiosidade e sexualidade dun xeito clásico na música negra, no son e na letra —"cando facemos o amor/ só escoito os sons de anxos do ceo/ a chorar bágoas de ledicia"—, e pecha o álbum cun final lúbrico. En Slow Love, o artista exercítase na senda dos grandes baladistas dos anos 50. Unha pequena xoia, é a obra máis coral do álbum; conta con arranxos orquestais de Clare Fischer e é unha composición da actriz Carole Davis. A autora rexeitou 25.000 dólares polos dereitos do tema e antes de que aceptase unha segunda oferta —o 50 por cento dos beneficios—, Prince xa tiña gravado a canción. "É un emperador", díxolle Davis a Thorne. 

Despois de Sign O’ The Times, ao imperio só lle quedaban uns momentos de brillo —Lovesexy (1988) e 3121 (2006), aínda que ningún dos dous discos alcanzaría o éxito de Musicology (2004)—. Enfrascado nunha batalla contra a industria discográfica da que sairía malparado, pois perdeu eco e financiación, á procura dun volantazo que endereitase a súa carreira —o máis radical, o cambio do seu nome artístico por un símbolo que utilizou entre 1993 e 2000—, desenganado dos beneficios de internet, Prince seguiu a traballar malia que a última década do século XX e as dúas primeiras do XXI xa non lle pertencesen. Ata renunciou á libertinaxe sexual que reinvidicara sempre; algo cambiou desde a morte do seu único fillo, unha semana despois de nacer. No 2006 fíxose testigo de Xehová e o seu discurso volveuse cada vez máis conservador: pasou de vender condóns coa súa marca a pontificar contra o uso do preservativo. 

A invisibilidade de Prince nos últimos anos da súa vida é unha mostra do prezo de querer ir por libre —mesmo para os máis grandes—, pero tamén da fraxilidade da nosa perspectiva. Warner vén de publicar parte do seu catálogo en Spotify e queda por saber que pasará co mar de pezas inéditas que hai no seu arquivo. Semella un bo momento para achegarse á obra inmensa daquel pícaro que atopou un oasis nun faiado. "Meu pai sempre me dicía: non empreñes a esa rapaza, non cases, non fagas isto, non fagas o outro... Así que non quedou máis remedio que crear o meu propio universo", explicou nunha entrevista. Nunca o mundo de Prince foi máis excitante que en Sign O’ The Times.

Comentarios