"O que facemos aquí é sementar cultura"

Máis de 30.000 cativos de toda Galicia pasarán ao longo do vindeiro mes polo Pazo da Cultura de Pontevedra no que é un evento único en Galicia, o Salón do Libro Infantil e Xuvenil

Orbil é unha estrela. A mascota do XVIII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra (que leva o nome de 'libro' ao revés) cansou este venres de saudar e facer fotos cos cativos que asistiron á xornada de inauguración dun evento, único en Galicia, que inclúe unha programación de máis de 300 actividades e pola que se agarda que pasen máis de 30.000 cativos de distintos puntos do territorio galego. A organización tiña confirmada a asistencia de máis de 14.000 alumnos de centros escolares a espectáculos co aforo concertado. A eles haberá que sumar as visitas do público xeral, que o ano pasado superaron as 20.000.

"Nós insistimos en que é un evento consolidado na programación da cidade e un dos proxectos dos que debemos estar máis orgullosos porque cumpriu amplamente o seu obxectivo de fomento da lectura e influíu definitivamente en varias xeracións de rapaces e rapazas, que medraron ao carón de Orbil", explicaba onte a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro. "Pero é que o evento xa foi máis alá porque agora mesmo chámannos continuamente de centros escolares e de colectivos, de bibliotecas e de clubs de lectura, de toda Galicia interesándose en participar".


'O mundo que queremos' é o lema baixo o que se desenvolverá a programación dun evento que cumpre 18 anos


A concelleira lembraba que esta proposta naceu e consolidouse afastada de calquera carácter comercial. "Isto non é unha feira", di Anxos Riveiro. "É un espazo de liberdade e aprendizaxe, un espazo que fomenta o espírito crítico, algo que tanta falta fai na sociedade actual. O que facemos aquí é sementar cultura e amor polos libros".

Para a concelleira é fundamental como distintas entidades e colectivos, da Universidade de Vigo ao cineclub pasando por asociacións de diverso tipo, se foron involucrando na programación do Salón ata "facer del un escaparate para todo tipo de proxectos que poidan remitir á lectura, ao mesmo tempo que nos axudaron a abrir esta proposta a persoas con dificultades ou a nenos con capacidades especiais".

MAIORÍA DE IDADE. O Salón do Libro cumpre este ano a súa maioría de idade cunha programación que vai dos habituais contacontos e obradoiros a distintos espectáculos de teatro, música e danza, pasando por presentacións literarias e por un ciclo de cine familiar. 'O mundo que queremos' é o lema baixo o que se desenvolverán as actividades, que comezaron onte coa montaxe 'Xoga', de Entremáns. Ademais, Antonio Manuel Fraga e Jacobo Fernández presentaron o libro que escribiron para a colección do Salón, 'Escaquis e Romeu', e houbo contacontos de Pavís Pavós, o CSIC e Bea Campos xunto a Davide González.

Entre outras cousas, hoxe está previsto que o arquitecto e artista Román Corbato inicie a construción dun muro de caixas de cartón cos cativos que se queiran apuntar a axudarlle.

"A nosa proposta é esta: que as familias veñan a pasar a tarde ao Salón, que gocen das actividades e que descubran que todo se basea nos libros", remata Anxos Riveiro. "Aquí estamos para quitar os medos e descubrir o mundo".

Comentarios