Desaparecen las ferias del libro de Pontevedra

O Concello prescinde definitivamente das propostas da Federación de Libreiros de Galicia e baralla alternativas para substituílas ►Anxos Riveiro pensa "nunha fin de semana de libros na rúa que se converta nunha festa da creación literaria"
Un momento da feira do libro do ano pasado na Praza da Ferrería
photo_camera Un momento da feira do libro do ano pasado na Praza da Ferrería

Pontevedra non acollerá este ano ningunha feira do libro. O calendario destes eventos, que veñen de facer público a Federación de Libreiros e a Xunta de Galicia, os seus organizadores, non inclúe ningunha data na cidade. A capital da provincia convértese así na única vila importante de Galicia sen esta proposta. As únicas cidades da provincia que a acollerán serán O Porriño (do 11 ao 14 de maio), Redondela (do 15 ao 18 de xuño), Vigo (do 29 de xuño ao 8 de xullo) e Ponteareas (do 27 ao 30 de xullo). "Queremos facer algo alternativo noutras datas, máis preto do verán", explica a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, que xa o ano pasado decidira prescindir da Feira do Libro Antigo e de Ocasión, un evento que, coma este outro, contaba cunha achega municipal de aredor de 6.000 euros. Segundo di, nos próximos días presentaránselle a nova proposta aos libreiros da cidade. "Estamos en fase de pechar orzamentos e ultimar o formato", indica.

A concelleira tamén avanza que "a filosofía é que sexa unha fin de semana de libros na rúa que se converta nunha festa da creación literaria". Riveiro resalta que a decisión da Concello, neste caso, non ten que ver tanto co orzamento como cunha coherencia programática. "Non se trata dunha cuestión orzamentatia, senón de acompañar ás librerías da cidade, que están a facer un importante esforzo de programación de eventos culturais de interese, e de buscar as mellores datas para unha proposta como esta". A concelleira insiste en que está fóra de toda dúbida o apoio do Concello ás actividades relacionadas co mundo do libro. "Somos unha cidade literaria e temos que poñelo cada vez máis en valor", di. "En marzo temos o Salón do Libro; en abril, Pontepoética; en maio, o mes da lingua. O libro e a literatura están sempre presentes".

Para os libreiros, que non contan cunha agrupación propia de carácter local dende 2009, este tipo de eventos debería reformularse. Mercedes Corbillón, da librería Cronopios, pensa que non funcionan. "Nós xa tiñamos decidido non participar este ano", di. "E, se fomos os dous últimos, foi por non ser descorteses co Concello de Pontevedra, que apostaba por apoiar esa fórmula e asumía o gasto das casetas". Corbillón reflexiona sobre a falta de interese que a feira tiña para os libreiros e para o público. "A verdade é que é un desastre. Non é algo dramático que desaparezan tal e como están concibidas. Se algo non funciona, non hai por que empeñarse que siga estando aí. Ou se lle dá unha volta ou non ten sentido".

ANTICUADAS. A libreira recoñece que é unha lástima que os libros desaparezan da rúa e que Cronopios agarda que proposta do Concello teña "máis encanto, máis vida" para volver saír da librería. "Porque é certo que levar os libros á rúa é algo fantástico e non debería perderse. Pero se a experiencia nos di que non hai xente, que fai frío... non ten sentido ningún. É algo anticuado, feo, con casetas como da era de Ceausescu. A quen beneficia? Aos libreiros dende logo non e á xente tampouco, porque non acudía".

Cano Paz, da librería Paz, lamenta a desaparición da feira. "Sempre é unha mala nova que desapareza un evento relacionado co libro. Eu fun, aínda con perdas, e seguiría indo, entre outras cousas, porque penso que un libreiro non é un tendeiro calquera , que ten adquirido un compromiso que o leva a moverse máis alá do beneficio económico".

Paz explica que a situación das feiras do libro é complexa e que precisa probablemente dunha reformulación que as faga máis atractivas. "Tamén penso que as cousas hai que traballalas e en Pontevedra nin sequera temos unha agrupación local. A xestión do que nos compete faise dende Santiago dende hai anos. Estaría ben asumir a nosa parte de responsabilidade no que sucede".

Aínda así recoñece que na Federación de Libreiros, "á que sigo e seguirei pertencendo", se traballa cunha certa inercia. "Reprodúcense os mesmos esquemas dende hai 30 anos. Está fóra da realidade. Estaría ben recuperar unha certa ilusión neste sentido", explica.

Paz agarda que o Concello lle ofreza unha alternativa aos libreiros para seguir saíndo á rúa. "Eu, pola miña banda, boto en falta estar aí o Día do Libro ou o 17 de maio".

Para os libreiros, que non contan cunha agrupación local dende 2009, este tipo de eventos deberían reformularse Anxos Riveiro Concelleira de Cultura Neste caso non se trata dunha cuestión de orzamento, trátase de acompañar ás librerías e de escoller as mellores datas para un evento" Mercedes Corbillón Librería Cronopios Nós intentamos estar, pero a verdade é que é un desastre. Se algo non funciona non vexo a necesidade de empeñarse en seguilo facendo" Cano Paz Librería Paz Sempre é unha mala nova que desapareza un evento relacionado co libro. Eu seguiría indo, aínda con perdas. Un libreiro non é un tendeiro calquera"

Comentarios