Clasificaciones

El Pontevedra repite los números de la temporada pasada a estas alturas

Nunha virtual liga da segunda volta, a escadra pontevedresa ocuparía prazas de descenso
Jacobo Trigo láiase tras errar unha ocasión contra o Racing de Santander
photo_camera Jacobo Trigo láiase tras errar unha ocasión contra o Racing de Santander

O Pontevedra é o caso máis significativo dunha vella realidade no mundo do fútbol: que as segundas voltas sempre son máis complicadas que as primeiras. O cadro granate está a padecer unha crise de resultados desde que comezou a segunda metade da competición que o colocaría na zona de descenso nunha hipotética clasificación do que vai de ano.

A escadra granate sumou unicamente cinco puntos en 2017, o que a colocaría só por diante da Arandina e cos mesmos puntos có Palencia e o Guijuelo, aínda que os casteláns cun partido menos, o que se suspendeu hai quince días na Malata por mor do temporal.

Dáse a circunstancia de que a puntuación que acadou ata agora o once da cidade do Lérez é exactamente a mesma da campaña pasada, 42 puntos.

As cifras son moi similares, máis alá de que as sensacións son moi distintas. O ano pasado os 42 puntos da vixésimo sexta xornada tiñan ao Pontevedra no quinto posto, xa por detrás do Tudelano. Desta volta, os perseguidores do once de Pasarón non foron quen de superalo, ao pecar de certa irregularidade nos últimos enfrontamentos, polo que conserva a súa posición de privilexio.

O Pontevedra, o Racing de Santander e a Cultural Leonesa son os tres equipos que se manteñen dous anos consecutivos no grupo de cabeza.

A campaña pasada, o Racing de Ferrol estaba cos favoritos, algo que non deu logrado neste exercicio, mentres que o Logroñés, que cambiou de grupo, pasou de ser unha referencia da categoría a pelexar pola permanencia no grupo II. O Tudelano, a catro puntos da zona de promoción nestes momentos grazas aos seus rexistros na segunda metade do exercicio, está aínda moi por debaixo dos gorismos que logrou no campionato pasado e debe confirmar se a súa recuperación é unha xeira aillada ou un movemento a longo prazo.

O Celta B e o Valladolid B pasaron de pelexar pola permanencia a loitar por cotas maiores. A dificultade dos conxuntos para manter unha liña estable pon en valor os resultados da escadra da capital do Lérez, o que non impide ver que tanto a nivel de puntuación como de puntería o Pontevedra está a ser un dos peores conxuntos da categoría de bronce.

Comentarios