A peor novela galega do 2016

"Se 'A ira dos mansos' é a mellor novela, a tal novela galega está en vías de extinción"

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

BOTOUSE César Lorenzo ao monte? "A ira dos mansos, de Manuel Esteban, gañou o premio Xerais 2016. Pode ser, talvez, a peor novela publicada pola editorial viguesa o ano pasado", disparou no blog que edita, Biosbardia. Superado eu o sinistro total de ler unha recensión negativa en galego, anoto: razoada, lúcida, exacta, intelixente na retranca –valga o pleonasmo–. Demoledora porque ispe, porque desmonta o xoguete. Dicir valente sería falar da crítica como síntoma e da literatura como enfermidade. 

Se A ira dos mansos é a mellor obra das 34 que se presentaron ao galardón máis prestixioso da novela galega o ano pasado, a tal novela galega está en vías de extinción –ou directamente non existe–. Non tiro labras da póla. Non arrebolo: aquí escribo de libros e de lecturas sen facer(me) trampas. 

Ben, e que, que ten de malo? Non que alguén escribise A ira dos mansos. Nin, por suposto, que alguén a publicase. Nin sequera que alguén a premiase –pero o xurado queda en evidencia e o certame perde crédito en hemorraxia–. Nin moito menos que alguén a recomendase –isto mesmo me parece bo, porque dá pistas de quen non se hai que fiar–. Nin toda a compangada: que xogue quen lle divirta. O malo de verdade é ler na "mellor" novela galega de 2016: 

"Desexo de vinganza, esa filla bastarda da xustiza". "O ser humano aspira a sentir". "Os guripas somos así: moscas que se alimentan da merda allea". "O vello instinto de cazador desprezábase nas miñas tripas". "E a rabia no meu interior, o desexo de que aquel asasinato non se cometera, de atrapar ao covarde autor de semellante atrocidade eran, que paradoxo, os meus maiores estímulos". 

Que é, en realidade, A ira dos mansos, resumiuno mellor Lorenzo: "Un puto poli ten que enfrontarse a un fodido caso de asasinato na maldita cidade de Vigo. O madeiro é tan espabiletas que en 45 páxinas xa ten resolto o crime, pero para os lectores aínda quedan outras 144 páxinas de tópicos, déjà vu argumentais e torpezas narrativas". Eu non cheguei tan lonxe.

Comentarios