El Pontevedra CF vive la peor sequía de su historia en Segunda B

É a primeira vez que o equipo granate acumula cinco partidos consecutivos sen marcar nas 32 temporadas que leva disputadas ata a data na categoría de bronce
Mateu láiase despois dunha ocasión do Pontevedra contra o Racing de Santander
photo_camera Mateu láiase despois dunha ocasión do Pontevedra contra o Racing de Santander

A seca goleadora do Pontevedra alcanzou rexistros históricos na derrota do equipo granate no campo de Merkatondoa. O quinto encontro consecutivo sen marcar da escadra de Luisito non lle impide manter o seu lugar entre os catro primeiros clasificados, aínda que facilitou o labor de aproximación dos seus adversarios na pelexa por acceder á zona de promoción de ascenso.

É a primeira vez na historia do club en Segunda B que está durante cinco xornadas de Liga consecutivas sen facer diana.

O duelo contra o Guijuelo, no que comezou a segunda volta, foi o último no que o conxunto pontevedrés fixo gol. Abel Suárez foi o autor da diana que lle permitiu ao bloque de Luisito sumar os tres puntos daquela. Desde entón, o Pontevedra non foi quen de volver meter o balón na meta contraria. Tivo partidos nos que dispuxo de varias ocasións claras ou moi claras, como os do Racing de Santander ou do Palencia, outros nos que dispuxo algunha menos, como o do Mutilvera ou o Celta B, pero en ningún dos cinco envites foi quen de superar ao arqueiro rival.

O ano do último descenso a Terceira, o once granate estivo catro xornadas sen marcar, tamén entre xaneiro e febreiro

A xeira comezou no desprazamento a Mutilva. En chan navarro o PCF empatou sen goles (0-0). Para facer boa a igualada, o Pontevedra debía sumar contra o Racing de Santander, pero non o logrou (0-1). Á semana seguinte, o conxunto da cidade do Lérez estivo a piques de gañar no treito final do partido contra o Palencia (0-0). Posteriormente chegou a goleada en contra en Pasarón contra o Celta B (0-4) e a derrota do domingo perante o Izarra en Estella (1-0).

O cadro pontevedrés suma xa 485 minutos sen superar ao arqueiro contrario, feito que o limita sobremaneira na súa pelexa por estar cos mellores planteis da competición.

A ausencia de Mario Barco é un dos elementos que máis está a afectar ao Pontevedra no que vai de ano. O dianteiro calagurritano mancouse no enfrontamento contra o Guijuelo, ao comezo do envite. Ausente el, só se produciron dúas dianas favorables ao seu equipo, as do propio encontro ante o rival salmantino.

É pouco habitual que un equipo estea cinco semanas consecutivas sen marcar, e menos aínda cando ocupa un posto entre os primeiros da clasificación. A mellor demostración é o feito de que o bloque da cidade do Lérez nunca vivira tal seca nas súas 32 participacións na categoría de bronce.

A anterior marca negativa produciuse na temporada do descenso a Terceira División, a 2010-11, na que o bloque pasou catro xornadas seguidas sen anotar. Curiosamente foi na mesma época que a xeira actual: entre xaneiro e febreiro de 2011, o cadro que daquela preparaba Fernando Castro Santos, en plena crise institucional, empatou contra o Montañeros (0-0) e o Badajoz (0-0) e perdeu fronte o Rayo Vallecano B (1-0) e o Real Madrid Castilla (2-0). Aquela negativa dinámica rachouse cun gol de Dani Pendín en Coruxo aos sete minutos dun choque que se disputou o 13 de febreiro, hai hoxe seis anos e un día.

O adestrador granate, Luisito, recoñeceu a súa preocupación nas últimas semanas polo feito de que os atacantes non atopen o xeito de perforar o marco contrario. Ao mesmo tempo, restoulle importancia ao asunto lembrando que os seus homes estaban xerando ocasións de gol. Botando man da súa experiencia (foi dianteiro cando era xogador). Luisito lembrou que o acerto de cara á porta é unha cuestión de rachas.

Comentarios