Cubela: "A lexislación di moi claro que hai que premiar as fusións"

O presidente de Cerdedo-Cotobade está satisfeito despois de que a Deputación aceptara o recurso para igualar o Plan Concellos de 2016
Jorge Cubela
photo_camera Jorge Cubela

O presidente de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, valorou moi positivamente que o municipio fusionado vaia recibir do Plan Concellos 2017 unha partida de 902.000 euros. Trátase da mesma cantidade que os dous concellos percibiron por separado no pasado exercicio e a achega aprobouse no pasado Pleno da Deputación, no que a presidenta anunciou a decisión de estimar o recurso do Concello pedindo que se igualara a cantidade coa dos anos anteriores. Neste senso, Cubela revelou que se cursou un recurso ante a concesión dunha partida inicial de 715.000 euros, considerada insuficiente polo Goberno local e que foi aceptado pola Deputación por axustarse perfectamente á lexislación.

O rexedor indicou que o informe da Intervención do organismo provincial de decembro apuntaba que "os concellos fusionados terán preferencia, alomenos durante os cinco primeiros anos, nos plans de cooperación local, subvencións, convenios…" e que malia dita recomendación a Deputación "obviou inicialmente este criterio de discriminación positiva no Plan Concellos e optou por tentar limitar a capacidade de Cerdedo-Cotobade na prestación de servizos públicos". Nembargantes, sinalou que o executivo municipal e os servizos xurídicos "movéronse axeitadamente no seu recurso baseándose na lei e no bo criterio do informe da Intervención da Deputación".

O presidente dáse por satisfeito con igualar a cantidade do ano anterior e lembra que "a lexislación di moi claramente que hai que premiar as fusións". Ademais, indicou que "Cerdedo-Cotobade se sitúa en décimo oitava posición na recepción de fondos do Plan Concellos 2017 malia ocupar a trixésimo primeira posición en poboación, o que deixa ben ás claras os beneficios da fusión".

Comentarios