El Concello eliminará en 2017 la dedicación exclusiva de Balseiros

No Orzamento que se está ultimando só haberá un soldo para o alcalde, Jorge Cubela, e se aforrará un 32% en órganos de goberno

O Concello de Cerdedo-Cotobade pretende aforrar máis dun 30% en órganos de goberno no ano 2017. O Goberno local explicou este martes que está na fase final da elaboración do que será o primeiro Orzamento único, que contará cun importante aforro en soldos e asistencias a órganos dos cargos políticos, xa que o importe desta partida menguará nun 32%. O detalle principal é que só haberá unha adicación exclusiva, para o presidente, Jorge Cubela, eliminándose a que se asignou na primeira etapa do mandato a José Balseiros e que se correspondía coa previsión de gasto de 2016.

Segundo as estimacións iniciais, e a falla de axustar as cifras, o Concello vai destinar 72.880 euros ao único salario municipal e ás asistencias dos 19 membros da xunta xestora a plenos da corporación, xuntas de Goberno local e comisións informativas. Esta partida sitúabase lixeiramente por riba dos 105.000 euros anuais e había dúas adicacións exclusivas para os dous rexedores, aínda que se reduciu a unha soa o pasado novembro, co paso de Balseiros á política autonómica. O Goberno local apunta que no Orzamento municipal, os gastos na área de cargos políticos suporán apenas o 1,45% do total das contas, que roldarán os 5 millóns de euros e que primarán as partidas destinadas a Servizos Sociais, Emprego, Investimentos e reforzo e mellora de todos os servizos públicos municipais. Con anterioridade á fusión municipal, as cifras de Cotobade e Cerdedo situaban os pagos a cargos políticos por enriba do 3% do Orzamento.

O equipo de Jorge Cubela e José Balseiros apunta que «este aforro en cargos políticos só supón o primeiro chanzo na diminución desta partida, xa que está previsto que os gastos aínda sexan menores tras as eleccións municipais de 2019, xa que a corporación municipal estará conformada por 13 membros fronte aos 20 da actual xestora». Para entón calculan que minguarán alomenos nun 36% as cantidades adicadas ás asistencias a plenos e comisións informativas. Neste apartado poderían aforrarse ata 8.000 euros anuais máis para deixar o gasto en cargos políticos por debaixo dos 65.000 euros.

Ao respecto, Cubela quixo recalcar que, malia as «inxustificadas críticas» da oposición no Pleno de organización, «só hai un soldo municipal, o que demostra que dicimos a verdade e que o único que nos guía é darlle unha oportunidade de futuro a esta terra adicando todos os recursos a mellorar a calidade de vida dos veciños».

Comentarios