Susana López Abella: "Ninguén nos chamou para evitar o peche do CIM"

A Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta pide "que o alcalde rectifique" e lémbralle que os concellos que contratan ás profesionais reciben maiores subvencións
Susana López Abella.
photo_camera Susana López Abella.

A MÁXIMA responsable de Igualdade da Xunta chama á reflexión antes de que se materialice o peche do Centro de Información á Muller, que depende desta Secretaría. Unha clausura que "non ten explicación lóxica" e suporá a primeira pérdida dun recurso deste tipo en Galicia.

Por que o novo servizo para as vítimas da violencia de xénero de Ponte Caldelas non será CIM?

Hai un decreto que acredita os Centros de Información á Muller e que contén unha serie de condicións que se esixen para que un CIM sexa un centro homologado pola Xunta e poida acceder ademais á atención. Debe cumprir unha serie de esixencias como un espazo adecuado, dúas profesionais no ámbito da psicoloxía e da asesoría xurídica, e que a directora estea a tempo completo.

A decisión de Ponte Caldelas de prestar unha atención psicolóxica pagando desprazamentos e asesoramento legal que poderá incluír outros casos permitiría seguir dentro da Rede?

Non. Chámame moitísimo a atención esta decisión. O CIM de Ponte Caldelas ten unha longa tradición. Hai dez anos que se puxo en funcionamento, e estes centros están para o asesoramento das mulleres, das familias e das persoas ao seu cargo. Poden ser casos moi amplos, pero só e exclusivamente é para a igualdade. Hai outros servizos do Concello que poden e deben empregarse para dar solución ás outras necesidades dos veciños e das veciñas sen distinción de xénero. Pero existe unha desigualdade entre homes e mulleres, é moi real aínda e precisamos loitar contra ela. Por iso se crearon os CIM e por iso a Xunta cofinancia este servizo. Ponte Caldelas nunca deixou de ter financiación. Ata marzo de 2017 goza dunha achega de 27.050 euros.

Que pasará se no primeiro trimestre non hai servizo?

De non estar en funcionamento nos tres primeiros meses de 2017 terán que devolver os cartos á Xunta de Galicia, cousa que me doe moitísimo, porque nestes anos que levo como secretaria xeral nunca se dera un peche dun CIM. Sorprende que un concello queira pechar mentres outros están pedíndoos.

As traballadoras queren pasar a ser persoal municipal. O Concello responde que custaría demasiado...

Hai 81 centros desta rede en Galicia. O financiamento non é igual para todos. Nas bases reguladoras para optar á subvención recóllense nas condicións e requisitos. Por exemplo, o número de horas, ou de persoas atendidas, incrementa tamén importe da subvención. Hai mínimos e máximos e un programa que aplica cada concello. Outra cousa que non se entende é que digan que o pechan pero que en 2018 volverán pedir a subvención.

Logo nunca poderían custar 60.000 euros de fondos propios do Concello, como se está a dicir?

Non, claro. A subvención xa garante parte dese custe. Este ano foron 27.000 euros; no anterior, 35.000, e no ano 2009, 25.100 euros. Ademais, a orde de subvencións recolle que a contratación estable das profesionais do Centro de Información á Muller nos concellos debe primarse na contía das axudas. Isto significa que terían máis subvención. E é así porque está recollido nas directrices da Unión Europea, nos fondos europeos para esta finalidade. A maiores direille que, se aparecen eses dous postos na RPT (Relación de Postos de Traballo) do Concello e aparece como unha contratación laboral indenfinida, ten unha maior subvención aínda. Hai concellos coas mesmas características, ou cun servizo aberto cinco horas diarias, que reciben máis. Lamento de verdade que se tome esta decisión. A nosa vontade sempre é axudar e apoiar cando hai algún tipo de dificultade. O lóxico é que se estableza contacto coa Consellería, e asegúrolle que nin o alcalde nin ninguén da Corporación de Ponte Caldelas nos chamou para evitar o peche. Aquí estamos para axudar e buscar solucións.

Se non hai causa económica, cal pode ser?

Resulta inexplicable. Este é un servizo moi valorado. Veño de reunirme cun concello que non é da cor política da Xunta que pide ter un CIM. É sabido que os CIM están por enriba das disputas da política. Só en Caldelas atenderon a máis de 700 usuarias. Que vai pasar agora con todas elas?

Que pode facer unha usuaria do CIM se non quere perder o apoio da rede autonómica?

Calquera centro de información ten a obriga de atender a calquera muller que o solicite, sexa ou non empadroada dese concello. Isto pedírono as profesionais tras descubrir que as mulleres poden garantir así mellor o anonimato e seguridade. Moitas mulleres prefiren ir a un centro veciño como Arcade ou Pontevedra. As usuarias doutros municipios tamén contaban co de Ponte Caldelas, precisamente para iso.

Ponte Caldelas fala de servizo sobredimensionado en comparación con concellos maiores. Isto é certo?

Hai uns mínimos esixibles no decreto de atención ao público, que ten que estar aberto para que as mulleres teñan a seguridade de que se o necesitan poden acudir.

Se se pide a axuda en 2018, non se recibirán os fondos ata 2019, tal e como funciona esta rede...

Para poder recibir a axuda en 2018 terán que acreditar que están en funcionamento. Aquí non se pode facer un asesoramento chapuza, nin psicolóxico, nin xurídico. Nin mesturar asesoramento á muller con asesoramento para a división de fincas, co das pensións ou co que sexa. Isto é un servizo serio e rigoroso que financia a Xunta de Galicia co Fondo Social Europeo.

Para unha usuaria que viñera acudindo a estas profesionais, haberá un protocolo de resposta ou seguemento desde a Secretaría Xeral?

A situación é complexa. Volvo a apelar á responsabilidade do señor alcalde. A información é anónima. Os datos destas usuarias en ningún caso ‘andarán por aí’, por dicilo de xeito coloquial. Polo tanto, ás mulleres que están sendo atendidas en Caldelas haberá que recomendarlles -e fágoo xa desde este medio- que acudan a outro centro, porque seguro que moitas delas están recibindo atención constante, incluso durante anos. Acudir a outro centro permitiría trasladar o expediente a ese outro CIM e seguir os seus casos.

O peche podería reverterse?

A Secretaría Xeral de Igualdade está aberta a todo: rectificación, chamada para dialogar, encontro co alcalde ou co concelleiro responsable... Gustaríanos que non se pechara. Hai boas profesionais e hai familias usuarias que o precisan aberto.