El Ano Castelao se despide con una gran gala

Un espectáculo coas actuacións de Carlos Blanco, Luís Davila, Celso Parada e Xurxo Souto, entre outros, clausura, no Pazo da Cultura, un ano de actividades arredor da figura do de Rianxo

Música, teatro, humor e ilustración mesturáronse este domingo no intre final do Ano Castelao en Pontevedra. A Deputación Provincial pechou un ano de actividades arredor do centenario da chegada do de Rianxo á cidade cunha gala, que se celebrou no Pazo da Cultura, e que contou coas actuacións de Carlos Blanco, Luís Davila, Celso Parada e Xurxo Souto, entre outros.

Arredor de 700 persoas, segundo a Deputación, asistiron ao espectáculo, ao que se podía acceder de balde e que estaba pensado para homenaxear ao artista e político dende algunhas das distintas facetas creativas que desenvolveu ao longo da súa vida.

O acceso ao auditorio estaba presidido polo photocall da gala, que xa estivera instalado na Feira das Industrias Culturais, Culturgal, e que precisamente se convertera alí nunha das propostas de máis éxito entre o público. Alí fotografouse este domingo boa parte da corporación provincial.

SILVA E LORES. O espectáculo do Pazo da Cultura contou coa asistencia de numerosos deputados e concelleiros de Pontevedra. Á cabeza de todos eles estiveron a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores. Tamén estiveron presentes o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, "desde cuxo departamento se programaron todas as accións relacionadas co Ano Castelao", lembraba a Deputación, e a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro.

Os pontevedreses Enrique Mauricio e Carlos Taboada, Polo Correo do vento, foron os encargados de entreter ao público infantil. Da editorial do segundo deles, Lela, era precisamente o libro Periplo Atlántico, que se obsequiou na gala. É o segundo título deste selo, que debutou na escena editorial galega no mes de outubro co primeiro volume da colección Mulleres galegas, adicado a Ángeles Vilariño. "Trátase dunha homenaxe que lle facemos a Castelao, adaptando o seu relato O negriño Pancho", explica Taboada.

CELSO PARADA. Un dos momentos centrais da Gala Castelao correu a cargo do actor Celso Parada, que se meteu na pel do de Rianxo para rememorar un discurso histórico. "O día 18 de 1931, Alfonso Rodríguez Castelao pronunciaba nas Cortes o seu mítico discurso no que demandaba que se iniciase o procedemento para o Estatuto de Autonomía de Galicia", explica a Deputación. "No mesmo día, 85 anos despois, é o actor Celso Parada o encargado de rememorar este fito da nosa historia colectiva no escenario do auditorio do Pazo da Cultura".

A gala deo domingo, conducida pola actriz Bea Campos, tamén incluíu unha montaxe de Limiar Teatro, actuacións musicais de Xurxo Souto, Lydia Botana e de 2naFronteira, ademais do humor de Carlos Blanco e Luis Davila. Este último realizou dúas ilustracións en directo en homenaxe ao mestre.

A firma de deseño Rei Zentolo, responsable da imaxe da gala, tamén xogou un papel destacado o domingo no espectáculo "ao elaborar in situ unha alfombra vermella con referencias propias á figura e traxectoria de Castelao", indicou a organización.

A gala puido seguirse ademais a través do Twitter da Deputación de Pontevedra (@depo_es) e en streaming na páxina web da institución (www.depo.es).

Comentarios