Zapatos, mazás e tortas

O primeiro simposio sobre arte de acción en España, ‘Fugas e interferencias’, devolve as performances ás rúas de Pontevedra
Acacia Ojea realizando este xoves as súas microaccións no centro da cidade
photo_camera Acacia Ojea realizando este xoves as súas microaccións no centro da cidade

Con varios pares de zapatos atados aos pés, Pino saiu da Casa das Campás. A súa era unha reflexión sobre o camiñar vital. Un pouco máis alá, xa na rúa, Acacia Ojea realizaba unha acción sobre a desigualdade comendo, dende o chan, unha torta que un home, sentado nunha cadeira, lle sostiña diante. Diego Pazó foi ata a Praza de España a gatas, cuns artiluxios de madeira nas pernas que lle limitaban o movemento. Era unha metáfora "das dificultades que nós mesmos nos impoñemos", segundo sinalaba Carlos Tejo e recollía o diario dixital da Universidade de Vigo (duvi.uvigo.es). Finalmente, na mesma praza, Charlotte-Lily Tomlinson desfixo un colar de mazás para repartilas entre os presentes, "nunha acción case terapéutica sobre as cargas que soporta cada un".

Da man dos catro creadores, a arte de acción volveu ocupar as rúas de Pontevedra para impactar aos transeúntes. Finiquitadas en 2013, despois de dez anos, as xornadas Chámalle X, non se volveran celebrar performances na cidade ata que onte as recuperou ‘Fugas e interferencias’, o primeiro simposio que se realiza en España sobre esta disciplina. A Casa das Campás acolleu a apertura deste congreso, que tamén se celebra en Santiago de Compostela ata mañá.

CARLOS TEJO. "Este é o primeiro congreso de arte de acción que se celebra a nivel académico en España", recalca o mestre da Universidade de Vigo Carlos Tejo, que forma parte do comité científico do simposio (xunto a Alba Blanco, Marta Pol e Álvaro Terrones) e foi o impulsor e coordinador de Chámalla X. "O obxectivo é abrir un debate sobre o que está a acontecer nesta disciplina agora mesmo, como poden ser certos clichés que paralizan a evolución da arte de acción en España". Segundo recolle o Duvi, o mestre destaca a importancia deste congreso nun eido "sobre o que apenas existe un corpus de reflexión teórica".

A inauguración de ‘Fugas e interferencias’, unha iniciativa que reúne a máis de 30 investigadores, artistas e estudantes, contou tamén co responsable da Área de Extensión Cultural do campus, Manuel Morquecho, e coa decana de Belas Artes, Silvia García.

Trala programación do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), o congreso volverá, na tarde deste sábado a Pontevedra, para clausurarse cun ciclo de accións no Museo a cargo de Ana Gesto, Vanesa Soares, Neves Seara, Álvaro Terrones e o alumnado do taller ‘A propósito do corpo en acción’.

Comentarios