O CIM atendeu 39 casos de violencia machista no que vai de ano

A concelleira de Igualdade, Rosa Fernández, presentou na Casa Rosada unha campaña que se centrará no ámbito educativo para sensibilizar e previr estes comportamentos
Acto de presentación da campaña que leva a cabo Poio contra a violencia machista
photo_camera Acto de presentación da campaña que leva a cabo Poio contra a violencia machista

O Concello de Poio levará a cabo unha intensa campaña a partir do 18 de novembro para concienciar á sociedade e mostrar a súa repulsa contra a violencia machista. De feito, o Centro de Información á Muller (CIM) xa atendeu este ano 39 casos relacionados con este problema e, tal e como destacan profesionais do mesmo, aínda queda unha gran cifra oculta. Por iso, a través das accións que se realicen intentarase que todas aquelas mulleres que estean padecendo este mal saiban que poden acudir en todo momento a este lugar de Poio.

A educación é un dos ámbitos principais nos que se debe actuar, polo que se traballará directamente co alumnado pertencente ó IES de Poio co obxectivo de sensibilizar e previr. "Somos conscientes de que o problema da violencia está ligado ó ámbito educativo", explica a concelleira de Igualdade, Rosa Fernández. Para iso, durante os días 28, 29 e 30 realizaranse catro charlas destinadas a máis de 90 rapaces e rapazas de primeiro curso. Os coloquios impartiranos a avogada e directora do CIM e a psicóloga do centro. Ademais, contarase cunha exposición cedida polo Fondo Galego de Cooperación que versa sobre os nenos e nenas soldado. A mesma traerase ata Poio para mostrala no instituto. A maiores, a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia concedeulles un programa que versa sobre a violencia de xénero no novo contexto dixital, polo que se realizarán obradoiros educativos centrados no coñecemento e na prevención das novas formas de violencia que xorden no contexto dixital, como poden ser a cíber violencia, a ‘sextorsión’ ou o ‘grooming’.

Por outro lado, o Concello e a Asociación Cultural Virxe da Renda organizarán o sexto festival contra a violencia de xénero, no que participarán grupos de todo o municipio para que poidan expresar o seu rexeitamento contra a violencia machista. O evento celebrarase o día 27 a partir das cinco da tarde no local da Comunidade de Montes de San Xoán. Entre os participantes deste ano atópanse Vides Novas, Coro Virxe de Fátima, Miguel de Combarro ou o grupo Os do Luns. Como novidade contarase coa presenza do rapeiro Rivers. A presentadora será Puri González.

Comentarios