Técnicos de urxencias esixen unha ambulancia medicalizada no Salnés

Os traballadores, apoiados polo BNG, recordaron nunha concentración a necesidade de dispor deste servizo no Salnés
Os participantes na concentración amosan carteis coa súa reivindicación
photo_camera Os participantes na concentración amosan carteis coa súa reivindicación

Un grupo de técnicos sanitarios reuniuse onte na Praza Galicia de Vilagarcía para demandar de novo o emprego dunha ambulancia medicalizada na comarca do Salnés, que actualmente carece deste servizo sanitario durante todo o ano.

A necesidade desta ambulancia, que os técnicos do servizo de emerxencias levan esixindo dende hai anos, está agora refrendada por un informe da Sociedad Española de Medicina de Urgencias (SEMES), que considerou nunha publicación recente que por número de poboación estaría xustificado o emprego dun vehículo destas características, xestionado por persoal cualificado, no Salnés. O informe avala tamén a importancia de que a comarca conte cunha ambulancia cun tempo de resposta de entre tres e vinte minutos.

O portavoz dos técnicos, José Manuel Ribadomar, explicou a postura dos mesmos, que acudiron á praza con carteis nos que expresaban a súa demanda. "Agora mesmo só hai unha ambulancia medicalizada que opera durante dous meses de verán en Sanxenxo e o resto do ano está sen usar nunha nave, sendo totalmente infrautilizada a pesar de que este informe, e a nosa propia experiencia, confirman que é necesario contar cunha ambulancia deste tipo que de servizo os 365 días do ano, por poboación e extensión", afirmou. Ademais, falou das actuais carencias das ambulancias asistenciais da comarca, "moi a miúdo hai que recorrer ás de Protección Civil de Cambados e Vilagarcía".

Na concentración estivo tamén presente o cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Luis Bará, que se reuniu cos técnicos e mostrou publicamente o seu apoio a esta demanda.

Para Bará, a necesidade desta unidade medicalizada está "máis que xustificada", Arremeteu tamén contra o Partido Popular por non dar o visto bo á implatación deste servizo, e, dixo, "é un Goberno sen alma, e un alumno avantaxado en implantar recortes en sanidade".

Comentarios