O incomprendido Pepe Meijón

A figura do canteiro e escultor marinense Pepe Meijón perdura no tempo 36 anos despois do seu falecemento. Este neopetroglifeiro deixou un inxente legado artístico por diferentes puntos da vila e nel se reflicte a súa vida. Nos seus gravados expresa a súa visión particular do mundo, un universo no que aparecen referencias políticas, relixiosas ou cósmicas, algunhas delas seguen sendo unha incógnita para a que non existe explicación
Os petroglifos do incomprendido artista marinense espállanse polo centro do municipio, algúns permanecen preto da súa casa na Rúa Calzada.
photo_camera Os petroglifos do incomprendido artista marinense espállanse polo centro do municipio, algúns permanecen preto da súa casa na Rúa Calzada.

ESTRAÑO, ausente, de mirada perdida e cara de preocupación. Un home forte, de vestimenta gris e preguntas existenciais. Aínda en Marín hai quen se pregunta quen era ‘Pepito’ ou ‘Pepiño’ Meijón, outros recórdano coma unha lenda, alguén que perdurará para sempre na memoria dun pobo no que el se sentiu un incomprendido. Din que os nenos escapaban ao seu paso, que as mulleres e os homes lle tiñan medo e preferían non cruzarse con el pola rúa. José Meijón Area (1899-1980) era un home raro que co paso do tempo converteuse en todo un artista, seguramente adiantado ao seu tempo, deixando un legado que quedará presente na vila ‘in saecula saeculorum’ (polos séculos dos séculos).

Pasaba os seus días no monte, no camposanto ou preto da costa, perdido entre rochas ás que impregnar do seu arte como escultor. Quería darlle un sentido, deixar unha mensaxe: o selo de Pepe Meijón. Coma un petroglifeiro contemporáneo, esculpía a pedra, escribindo e debuxando siluetas que aínda a día de hoxe non se sabe ben que representan. Esta era a súa maneira de comunicarse co mundo. Sempre co punteiro e a maceta enriba, roupa gris, cintos de cobre e colares metálicos que colgaban das súas vestimentas que eran remendadas con arame e corda.

A imaxe viva dun canteiro e escultor apaixonado por este oficio, do cal facía un arte, chegando a crear a súa propia linguaxe, a súa cosmoloxía e o seu idioma pétreo.

"Era un home de poucas palabras. Falaba co meu pai para contarlle algunhas das súas lerias. Facíalle preguntas existenciais. O meu recordo de cando era cativa é velo sempre con cara de preocupación", asegura Enriqueta Otero, ‘Queta Molas, presidenta da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica e filla do histórico Eduardo Otero Molas.

O SEU OFICIO. As mensaxes relixiosas, apocalípticas e as referencias a Franco e á Falange destacan nos seus gravados. Tamén o fan os animais, os elementos cósmicos, as esvásticas (símbolo primitivo e universal, antes que nazi). Todo isto formaba parte do universo Meijón, incomprensible aínda a día de hoxe.

Dende ben pequeño foi un home activo socialmente, en 1913, con 24 anos, participou nos exploradores de Marín, un colectivo moi parecido ao que serían os ‘Boys Scouts’ americanos. Así, tamén os inicios no seu oficio veñen de lonxe. Segundo datos facilitados polo historiador marinense, Celso Milleiro, en 1929 consta a súa participación na Escola Nocturna de Cultura Obreira, unha institución creada para formar á xente e encamiñala profesionalmente, apoiada polas Sociedades Obreiras. Alí obtivo o segundo premio ao mellor canteiro da súa promoción.

"No ano 1931 consta rexistrado no censo da agrupación local do PSOE de Marín, pero atopámonos cunha contradición e é que, en 1934, aparece tamén dando cartos á homenaxe ao exército que combateu a sublevación militar en Asturias. Chama bastante a atención que pese a ser, nun principio, un home de esquerdas estea nesa listaxe. Posteriormente apenas aparecen datos oficiais del, foi coma se desaparecese do mapa", resalta o investigador histórico, Celso Milleiro.

O SEU LEGADO. Marín conta cunha amplia colección de petroglifos do século XX, moitos deles cubertos polo musgo. ‘As meixonadas’, como así lle chaman algúns veciños do municipio, seguen gañando admiradores 36 anos despois da súa morte.

O legado deste artista atópase agochado en moitos rincóns da localidade morracense, outros xa saíron á luz ou se atopan en lugares ben visibles coma os da praia de Mogor, o camposanto da Raña, no Templo Antigo, nos lavadoiros, na Rúa Calzada, no Monte Pornedo… e un longo etcétera. Lamentablemente, algúns xa se perderon, por exemplo, os da casa familiar que se situaba na Rúa Calzada ou os pequenos detalles que puido deixar no negocio do seu pai, un almacén de materiais de construción que popularmente era denominado como ‘'A casa dos corazóns’' polos debuxos e inscricións que tiña na fachada. A vivenda deste neopetroglifeiro era un auténtico museo. Conta ‘Queta Molas’ que tiña esculpido un cruceiro con un cristo con boina, así como un pombal cheo de pombas feitas todas elas á man.

Son moitos os que piden respeto para este artista misterioso e incomprendido sobre o cal contan centos de historias nas casas de Marín. Quen o coñece reivindica o seu espírito canalla e atrevido, outros aseguran que non era un demente, pero que si un home moi influenciable ao que "algo lle sucedeu e por iso cambiou a súa maneira de ser e de ver a vida", afirman varios dos seus familiares cos que puido contactar Diario de Pontevedra.

A SÚA VIDA. Estivo ingresado un tempo no sanatorio de Conxo en Santiago de Compostela, de onde escapou e veu camiñando de novo ata Marín, como asegura un dos seus familiares, o deputado socialista no Congreso, Guillermo Meijón que é curmán lonxano deste escultor neorrupestre marinense. "Ao parecer este home comezou a perder a cabeza cando volvera de facer o servizo militar. Deulle por un estraño fanatismo relixioso, el era católico mentres a súa irmá Pilar se fixera evanxélica o que derivaba en continuas disputas na casa", apunta María Lucía Fernández-Pizarro Meijón, tamén familiar.

"Algunhas das anécdotas que eu mesma escoitei foi que un día foi á igrexa e como Santa Lucía tiña os ollos torcidos arrincárallos. Tendo que mandar a imaxe a reconstruila a Santiago", afirma a prima de Pepe Meijón. Conta que parecía preocupado e intranquilo co ‘hinchamorros’, unha enfermidade labial que o perturbaba e para a que pedía constantemente consello e remedios á xente da vila. Así, con picaresca os veciños facían trasnadas e dicíanlle, por exemplo, que fose a recoller fungos ao monte para tomalos en infusión. 'Pepiño' Meijón volvía cargado de cogomelos de diferentes tipos, algúns velenosos e probablemente alucinóxenos, que para nada sanaban a súa dor.

Outra destas anécdotas que se difunden xunto coa lenda deste home, é que alguén lle recomendara unha vez que para curar o seu pesar debía poñerse unha pel de ovella ao lombo, e así ía vestido pola rúa, provocando as gargalladas da xente que se cruzaba ao seu paso. "Chamaba ao seu pai ‘aquel home’ e cando morreu preocupouse porque non levara o seu sombreiro. Por moito que lle dixeran que no máis alá non facía falta nin gorro nin boina, colleu un día, foi ó cemiterio e desenterrou ó seu pai para poñerlle o seu sombreiro", conta María Lucía Fernández-Pizarro Meijón.

A súa familia gozaba de gran cariño e recoñecemento na vila, pola boa fama da tenda de materiais de construción dos Meijón. Aínda así, o ambiente familiar no que se movía este home silandeiro era bastante inestable. Tiña tres irmás: Regina, Esperanza e Pilar. A primeira delas tiña todo o peso da casa. Intranquila, acudía habitualmente a casa de María Lucía para pedirlle axuda, principalmente polos comportamentos de Pepe. ‘Esperanciña, como así lle chamaban os seus achegados, estaba encamada e a outra das irmás, Pilar, que se converteu ao evanxelismo, foi coa que o canteiro e escultor tiña constantes discusións que desembocaban en máis preocupacións para Regina Meijón.

O SEU UNIVERSO. Decotío fuxía ao monte e gravaba nas laxes, penedías e outeiros deixando a pegada da súa particular cosmovisión. "As xentes sinxelas do pobo decían tamén que 'Pepito' estaba tolo. Soio foi de natura esquecido"”, decía Luis Almazán nun poema adicado á figura de Meijón. "E chegoulle a hora de ir matar mouros, mais seguro dos mouros ser morto, e fireulle os miolos a teima; desde entón escomeza a ser ‘'tolo'’", rezaban os versos do poeta galego.

"Foi un artesán da pedra, canteiro de verdade con capacidade de facer escultura. Se se lle houbera dado máis difusión mediática seguramente sería tan famoso como o alemán de Camelle na Costa da Morte", destaca Guillermo Meijón. Poucos familiares quedan vivos, pouca xente que poida explicar o porqué da obsesión de Meijón por gravar as pedras, o porqué ese estilo de vida tan particular e orixinal que se escondía detrás das súas mensaxes.

Parece ser que soamente falaba coas pedras, elas deixarán a incógnita eterna sobre a natureza deste artista.

Comentarios