O Demo e o seu séquito fan rabiar aos nenos

Tras saír da igrexa de San Bartolomeu, Lucifer paseou polas rúas da cidade acompañado do seu séquito ► Música, petardos e carreiras completaron o seu día

O dedo índice e máis o maimiño erguidos, imitando coa man os cornos do demo, a risa na cara e moitas ganas de brincar. Armados de bo humor, os pequenos da cidade enfrontáronse este martes ao mesmísimo demo que, ao igual de todos os anos, saíu da igrexa de San Bartolomeu pola mañá para facer das súas pola cidade. Todo vestido de vermello, cuns cornos sobre a cabeza e un tridente co que ameazaba a todos os que pasaban, o demo presentouse puntual á cita.

Eran as 12.30 e xa comezaba a correr por debaixo dos arcos de san Bartolomeu seguido de tres trasnos que o acompañaron durante todo o día. Desta vez a calor fixo suar aos que participaron na festa, que camiñaron polas rúas da cidade baixo un sol abrasador. O ano pasado, porén, a saída do diaño viuse ameazada pola choiva e a piques estivo de ser cancelada. Si se suspendeu o concerto que estaba previsto para a tarde así como a foliada nocturna por culpa do mal tempo. Pero este ano o demo tivo máis sorte.

Os que o agardaban na igrexa de San Bartolomeu facíano de manga curta e pouco tardaron en comezar a suar tras o comezo da festa. Conta a lenda que o diaño adoita fuxir da igrexa de San Bartolomeu a véspera da celebración do día deste santo. Non é un conto porque o mesmísimo Satán escapa do lugar (onde permanece custodiado por San Bartolomeu) e camiña polas rúas todos os anos, burlándose de todo o que atopa por diante. A lenda volveuse facer realidade e a proba é que deceas de persoas foron testemuñas das trasnadas de Lucifer durante a mañá do martes. Foi así como o diaño volveu asistir á súa cita anual cos pontevedreses para facer das súas.

Porén, a imaxe do demo non espertou temor entre a poboación, houbo quen mesmo se achegou a xogar con el e tivo valor para arrincarlle o rabo. Mentres o diabro percorría as rúas do casco vello acompañado polo seu séquito e seguido por un grupo de música, foron moitos os curiosos que se achegaron para facelo rabiar a el tamén. Iso si, non todo foron risas e diversión. Tamén houbo momentos de pánico transitorio e bágoas no colo dalgún avó que tivo que consolar a algún que outro cativo durante o espectáculo de petardos. E é que o demo é o demo, e non calquera se mete con el.

Así, os máis precavidos, aínda que sentiran certa curiosidade por ver a Satán de preto, mantiveron unha certa distancia de seguridade co diaño durante toda a mañá. Por se acaso. Os que onte quixeron intentalo recibiron unha boa dose de barullo de petardos estalando polas rúas. Por iso os máis pequenos se amosaron atemorizados nalgún ou outro momento ante o ruído enxordecedor. Pero tamén houbo valentes, como un grupo de nenas que conseguiu facerse co rabo do diabro nun par de ocasións. Lamentablemente, os axudantes do diaño encargáronse moi rápido de devolverlle a Satán o seu querido complemento. "Deixade iso! Está cheo de caca do demo!", berraba unha das integrantes do seu séquito. Peron non todo foi pelexar. Até Lucifer ten as súas debilidades e parecen ser as apertas. Por iso o diaño aproveitaba calquera ocasión para dar abrazos aos máis pequenos e mover o esqueleto ao ritmo da música. Si, o demo tamén baila e faino moi ben. Non faltaron os disfraces acordes coa ocasión. Moitos dos asistentes á festa acudiron cos correspondentes cornos diabólicos, con rabos e con angazos que o demo animaba a levantar ao aire. "Arriba eses tridentes!", exclamaba para que os pequenos lle obedecesen e participasen da súa demoníaca festa.

E así, entre risos, carreiras, música, petardos, calor, angazos, cornos e rabos, transcorreu a mañá. A comitiva do demo percorreu as rúas de Sarmiento e San Sebastián e a Praza da Verdura, até chegar á Ferraría para descansar un anaco. Logo, os presentes formaron unha conga e seguiron ao diaño e ao seu séquito até a Praza de Curros Enríquez. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Festas, Carme da Silva, acompañaron ao demo durante o seu percorrido polo casco vello.

FESTA POLA TARDE. O demo aproveitou a súa fuga para esmorgar durante todo o día e, ás 20.00 horas, volveuse deixar ver polas rúas da cidade volvendo a incomodar aos viandantes. A base de burlas, xogos e trasnadas meteuse con todos os pontevedreses cos que se cruzou no seu camiño. Xa ás 21.00 horas, a Banda de Música de Salcedo rendeu homenaxe a San Bartolomeu, cuxo día se fextexa hoxe, cun concerto na Praza José Martí.

Ademais, a partir das 21.30 horas, as orquestras Fiadeiro e Os Chichisos foron as encargadas de amenizar a noite cunha Foliada do Demo á que se achegou unha morea de xente. O día do demo rematou do mesmo xeito que comezou, con música e moita festa. Despois dunha xornada de troula, o diaño volveu á igrexa de san Bartolomeu canso e cheo de fame. Terá tempo para descansar até o vindeiro 23 de agosto, cando volva facer das súas polas rúas da cidade tal e como manda a tradición. Os seus seguidores agardan por el.

Comentarios