Jesús Escudeiro, o párroco é querido por todos os veciños

O cura de Tenorio acolle con moita emoción a homenaxe organizada polos seus veciños

Ó acto acudiu o alcalde do concello de Cotobade, Jorge Cubela, así como máis sacerdotes pertencentes a outras parroquias da provincia
Persoas que acudiron á homenaxe de Jesús Escudeiro
photo_camera Persoas que acudiron á homenaxe de Jesús Escudeiro

A homenaxe realizada polos veciños e veciñas de Tenorio na honra do párroco Jesús Escudeiro Gandós foi todo un éxito. O adro e a igrexa deste lugar, emprazado no concello de Cotobade, foron os sitios escollidos para realizar dito acto, que encheu de emoción a todos os asistentes. 

A xornada comezou ás 13.00 horas, cando se levou a cabo unha misa na que participou o coro parroquial. Ademais, tal foi a envergadura da cita que alí se reuniron varios curas, entre os que se poden destacar os pertencentes a Cerdedo, Ponte Caldelas, Xeve ou o Vicario Territorial de Pontevedra. O homenaxeado tivo o papel protagonista, xa que relatou toda a súa traxectoria sacerdotal ante decenas de fegreses, un momento que o fixo emocionar e no que as bágoas asomáronse polos seus ollos. A presenza do alcalde do municipio, Jorge Cubela, tamén foi algo destacable. 

Unha vez rematado o acto solemne, tras case unha hora de duración, tivo lugar unha comida no adro. A esta asistiron 250 persoas, tanto os crentes coma os que non o son. Algo que é un claro indicativo de que o párroco é querido e apreciado por todos os residentes. Por iso, os veciños e o Concello quixeron agradecerlle a súa labor de máis de 50 anos con dúas placas conmemorativas. A elaborada e regalada polo conxunta da veciñanza incorporaba o seguinte texto: "A Don Jesús Escudeiro Gandós, de sus feligreses por sus 50 años en la parroquia de Tenorio".

O sacerdote é unha persoa que nas súas misas nunca pasou o cepillo para pedir donativos

Un dos membros encargados da realización desta mostra de consideración e respecto, Elías Malvar, foi o que elaborou un descurso que incorporaba un conxunto de eloxios e adulacións, posto que como Malvar cita "sentimos moito agradecemento, leva moito tempo aquí, predicando o Evanxeo, bautizando os nosos fillos e netos e rezando por todos os nosos seres queridos, sobre todo por aqueles que nos deixaron". 

Este tamén comenta que toda a poboación sinte unha gran gratitude e deferencia cara o párroco Escudeiro, unha persoa que destaca pola súa humildade e sinxelez. Algo ó que Malvar fai varias veces referencia é que este sacerdote é unha persoa que nas súas misas nunca pasou o cepillo para pedir donativos. Un feito que se completa con outras mostras máis: "Fai algún tempo o muro do campo da festa derribouse e el fíxose cargo de que se reparara. Noutra ocasión, houbo que pintar e restaurar os retablos do templo; esa foi a única vez que pediu colaboración ós veciños para recaudar diñeiro". 

Escudeiro sobresae por ser un clérigo recto e serio, pero que tamén comparte bromas cos seus fregueses cando a ocasión se presta. Trátase dunha persoa independente, que actualmente vive nunha zona anticuada e mal acondicionada do mosteiro de Tenorio. A pesar de que xa conta cunha idade de 87 anos, o padre faise el mesmo a comida, a compra, a limpeza ou encárgase de lavar a roupa, entre outras cousas. Algo que o caracteriza é a sotana, posto que nunca ninguén o viu cunha prenda diferente a esta.

Comentarios