Jorge Cubela e Román Rodríguez reúnense coas ANPA de Cotobade

O conselleiro asegura que a fusión con Cerdedo non afectará aos servizos educativos
Rodríguez e Cubela durante a reunión
photo_camera Rodríguez e Cubela durante a reunión

O alcalde do Concello de Cotobade, Jorge Cubela, e o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, reuníronse o pasado xoves cos representantes das Asociacións de Nais e Pais de Alumnos dos centros públicos do municipio, co fin de se interesar polas súas principais demandas. Os representantes políticos tamén informaron aos membros das Asociacións sobre as obras que se están a realizar nos colexios de Carballedo e Tenorio con fin de mellorar os servizos educativos de cara ao próximo curso escolar, que comeza en menos dun mes en toda a comunidade. As renovacións supoñen unha inversión de máis de 152.000 euros. 

Os delegados das Asociacións de Nais e Pais transmitiron a Jorge Cubela e a Román Rodríguez a súa satisfacción cos traballos que se están efectuando nas escolas, ademais das súas principais demandas, aínda que a maioría delas xa se realizaron ou están en marcha. As dúas partes interesadas agradeceron o encontro e requiriron manter aberta esta comunicación co fin de mellorar as condicións educativas dos nenos do Concello. 

Román Rodríguez explicou que o proceso de fusión que se está levando a cabo co Concello de Cerdedo non provocará ningún tipo de empeoramento na calidade do ensino público, posto que estes servizos dependen de ratios de alumnos e doutras circunstancias técnicas. Neste sentido, o alcalde manifestou que o Concello tratará de realizar melloras significativas nos servizos educativos e sanitarios coa colaboración da Xunta. Isto será posible grazas a que o novo concello terá máis poboación, superando os 6.000 habitantes.

Jorge Cubela: "A intención do Concello pasa por mellorar os servizos educativos e sanitarios en colaboración coa Xunta"

REFORMAS. No transcurso da cita, o conselleiro de Cultura e Educación aportou aos representantes das ANPA máis información sobre as obras das escolas de Carballedo e Tenorio. No primeiro centro estase a renovar a cuberta do patio para evitar as pingueiras provocadas polas chuvias e instalaranse un sistema de saneamento e un depósito de gasóleo. 

No segundo colexio estase a construír un novo muro de contención para solucionar as deficiencias existentes na zona de recreo que linda coa estrada que conduce ao instituto e coa N-541. Por esta razón, vaise desmontar o valado afectado polo derrumbamento de terras a causa do desnivel e construirase un muro de peche de pedra. Tras isto, instalarase unha canle de evacuación de augas, substituiranse os valos deteriorados e pintarase por completo o cerrado do patio, ademais de mellorar todo o sistema de fontanaría.

Comentarios