A tecnoloxía destaca entre os 36 proxectos elixidos para a terceira edición do Pont-Up Store

As iniciativas emprendedoras chegarán de España e Portugal
Presentación da segunda edición da feira, en 2015.
photo_camera Presentación da segunda edición da feira, en 2015.

Pontevedra acollerá os días 23 e 24 de setembro a terceira edición de Pont-Up Store, unha iniciativa organizada pola Universidade de Vigo xunto co Concello que aspira a consolidarse como evento de referencia do novo emprendemento en Galicia. Despois de recibir un total de 115 solicitudes (87 para a modalidade de stand e 28 para actividades de dinamización), a organización escolleu 36 proxectos de España e Portugal para ter presenza na carpa que se instalará os días de celebración na Praza de España. Preto dun 70% das candidaturas teñen base en Galicia e menos dun terzo na cidade do Lérez. Tamén hai candidatos de Braga, Madrid e Xixón.

Todos os proxectos escollidos, explica a organización, son novos emprendementos con menos de tres anos e medio dende a súa creación. Participar é de balde, pero os emprendedores seleccionados tiveron que superar un proceso de selección. Deles, 33 contarán cun stand gratuíto para mostrar os seus produtos, ideas e servizos e 14 tamén terán a oportunidade de participar no programa de actividades de dinamización, desenvolvendo propostas como obradoiros para pequenos emprendedores, para facer unha tenda online nunha hora sen coñecementos previos, para adestrar a boa sorte, para aprender a elaborar cervexa, para introducirse na arqueoloxía ou para facer ‘kimchi’.

Asimesmo, haberá sesións prácticas de pedagoxía Montessori, a montaxe dun coche en equipo, demostracións de robótica, un xogo de probas mediante a aplicación Dogoplay, a presentación de discos e da revista infantil Alehop, contacontos e un programa de radio en directo.

O director de Pont-Up Store, Pedro Figueroa, destaca "o éxito de convocatoria desta edición, na que se conseguiu superar as candidaturas do ano pasado. Houbo que facer un esforzo para combinar as distintas modalidades de participación e dar o máximo número de oportunidades aos emprendedores2. Tamén subliña "a variedade das propostas emprendedoras, cunha ampla presenza de empresas de base tecnolóxica". Por último, Figueroa afirma que "o futuro de Pontevedra é que se instalen aquí emprendedores e que se converta nunha cidade innovadora".

PROGRAMA. Pont-Up Store concentrará a actividade en tres días: unha xornada previa o xoves 22 e o espazo emprendedor instalado na carpa da Praza de España o venres 23 e o sábado 24 de setembro.

Nesta edición ofrece numerosas actividades complementarias que suporán un atractivo para participantes e visitantes e que contemplarán, por exemplo, aspectos relacionados co cooperativismo e a economía social. Entre elas os promotores destacan unha sesión de ‘coaching’ executivo para persoas emprendedoras en economía social. As tendencias do ecosistema emprendedor estarán presentes durante todo o encontro a través de sesións de traballo en rede gamificado, charlas, obradoiros, un maratón creativo e un taller de impresión 3D e gravado láser con participantes de todo o país.

Así mesmo, preséntase como novidade o Puntazo Exprés, que nace a partir da experiencia do programa Pontevedra Ten un Puntazo, da Concellería de Promoción de Pontevedra. Esta modalidade terá aberto o prazo para presentar as candidaturas entre o 1 e o 15 de setembro e ofrecerá a dez novos emprendementos a oportunidade de presentar a súa idea de negocio ante cinco importantes entidades e grandes empresas galegas de diferentes sectores.

Comentarios