A Xunta investirá nas instalacións

O PP propón aproveitar a ampliación do Centro de Saúde de Anafáns

Os ‘populares’ piden que se utilicen as obras do ambulatorio para aumentar o espazo de aparcadoiro
O responsable local, Ángel Moldes, dialogando cos veciños
photo_camera O responsable local, Ángel Moldes, dialogando cos veciños

O presidente local do Partido Popular, Ángel Moldes, e os concelleiros Manuel Domínguez e Juan Rodríguez reuníronse este martes cos veciños de Anafáns e usuarios do Centro de Saúde co fin de propoñer unha serie de actuacións ás que se lles debe dar prioridade trala ampliación do ambulatorio que anunciou a Xunta e que se realizará proximamente. 

Moldes e os concelleiros pediron ao Goberno local que aproveiten esta oportunidade para mellorar as condicións de estacionamento da zona. Así mesmo, tanto os responsables políticos como os veciños, quen apoiaron a petición dos ‘populares’, agradeceron á Xunta a iniciativa de ampliar o centro sanitario. 

Moldes apuntou que "hai un problema histórico co estacionamento dos veciños e os usuarios do ambulatorio" e destacou que, xa que as instalacións do centro serán apliadas, o mesmo terá máis persoal e dará servizo a máis pacientes, polo que tamén é necesario aumentar o número de prazas para aparcar e acondicionar a rúa. O presidente local recalcou que "os veciños xa están cansados de escoitar boas palabras" en relación á necesaria humanización na estrada de Campelo a Lourido. 

Pola súa banda, os veciños de Anafáns manifestaron que o seu desexo é que o Concello aproveite as obras para "humanizar definitivamente a zona", incluíndo no plan de infraestruturas do ambulatorio nun contorno con parques e espazos para os veciños que enlace o Centro de Saúde coa PO-308. Ademais, protestaron polo escaso investimento nos últimos anos, tendo en conta que Anafáns é unha das zonas de Poio que máis creceu. 

Na reunión tamén estivo presente o propietario da finca que posiblemente sirva para a ampliación do estacionamento, quen afirmou que está disposto a negociar co Concello de Poio para levar a cabo a dita obra.

Comentarios