Moaña convértese no punto de encontro das alcaldesas galegas

A vila morracense acolleu este venres ‘Política en Feminino: unha nova perspectiva nos municipios’, o primeiro cumio de rexedoras da comunidade autónoma
A presidenta da Deputación, Carmela Silva (terceira pola esquerda), no encontro que se celebrou en Moaña
photo_camera A presidenta da Deputación, Carmela Silva (terceira pola esquerda), no encontro que se celebrou en Moaña

Once alcaldesas de diferentes partidos políticos asistiron onte ao cume de rexedoras galegas ‘Política en Feminino: unha nova perspectiva nos municipios’ celebrado este venres no Concello moañés co obxectivo de dar maior visibilidade á muller na política. A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, participou no encontro que tivo lugar durante a mañá e que rematou cun xantar, poñendo o broche de ouro a unha xornada de reflexión e debate político.

A mandataria provincial asegurou durante o coloquio que "cando as mulleres chegamos ás institucións, as institucións cambian", e explicou que está demostrado que as mulleres exercen a política doutro xeito distinto. "Facemos políticas máis pensadas para as persoas, máis humanitarias, máis igualitarias, máis de equilibrio social e máis de redistribución da riqueza", sinalou. Silva reivindicou así o papel das mulleres na política.

A presidenta de Deputación salientou a loita das mulleres, que teñen conseguido importantes avances en representatividade política, pero que "aínda así, hoxe en Galicia hai 39 alcaldesas, que representan o 12,4%. Porén, o grave é que as mulleres somos a metade da poboación e esta porcentaxe está moi por baixo do 50%". Ademais, engadiu que algo similar pasa co número de concelleiras, que na comunidade autónoma é de 1.359, que supoñen o 36,6% do total, tamén aínda lonxe da metade.

A mandataria provincial sinalou que, "se comparamos estas cifras coas de 1995, onde as concellerías dirixidas por mulleres en Galicia eran só do 11% ou o número de alcaldesas era só de catorce. Si que temos avanzado moito grazas ás políticas de igualdade e á loita das mulleres por ocupar espazos públicos, pero aínda nos queda moito por acadar", advertiu Silva.

A lideresa socialista destacou que non só hai que conseguir chegar ao 50% en representatividade, "xa que se somos a metade da poboación é de xustiza ser a metade, senón que hai que chegar ás institucións para practicar as políticas que favorezan mellores condicións de vida para todos". Carmela Silva gabou ao Concello de Moaña por levar esta iniciativa que "permite visibilizar ás mulleres na política, falar dos datos que nos representan e serve para que toda a sociedade tome conciencia de que temos avanzado moito, pero de que aínda nos queda moitísimo máis por avanzar".

Comentarios