A Deputación e a Asociación de Familias con Menores Trans estrean 'Sorrisos Transformadores’'

A exposición fotográfica en apoio ao colectivo LGTBI pode visitarse no Pazo Provincial ► "Os valentes que un día decidiron ser como son están mudando a sociedade", di a presidenta de Arelas
Noemí Chantada, Raquel Cordeiro, Beatriz Suárez, Isaura Abelairas, Carmela Silva e Cristina Palacios
photo_camera Noemí Chantada, Raquel Cordeiro, Beatriz Suárez, Isaura Abelairas, Carmela Silva e Cristina Palacios

Dez fotografías e outros tantos textos que teñen como protagonistas a menores transexuais e ás súas familias compoñen a exposición que dende onte se pode visitar no Pazo Provincial. A mostra leva por título Sorrisos transformadores, porque o seu obxectivo é, precisamente, transformar a sociedade e loitar contra a fobia e os tabús que seguen existindo arredor do colectivo LGTBI. Faino amosando a naturalidade, a vitalidade e o optimismo co que estas persoas viven sendo quen realmente son.

Sara, de dez anos, dío claro nunha das imaxes da exposición: "O natural é o moitísimo que nos queremos". Pablo, de 15, lanza unha mensaxe contundente: "Nunca te esquezas de ser quen es, ese é o teu primeiro dereito". Ao igual que eles, Izán, de dez anos, cre que "trans vén de transformador do mundo" e Laura, de 52, lembra que "se unha soa persoa non pode cambiar o mundo, pelexaremos o dobre".

A iniciativa está promovida pola Deputación de Pontevedra e Arelas (Asociación de Familias con Menores Trans), cuxa presidenta, Cristina Palacios, subliñou que a finalidade é "amosar a naturalidade que está detrás da transexualidade" e que "son persoas que teñen as mesmas vivencias, soños, ilusións e esperanzas que calquera". Engadiu que os verdadeiros protagonistas son "uns valentes que un día decidiron dicir basta xa e amosarse tal e como son. Eles son os que de verdade están transformando a realidade e só así poderán mudar esta sociedade tan LXTBI-fóbica".

Tamén a presidenta provincial, Carmela Silva, afirmou que con esta exposición "o Pazo énchese de dignidade", porque acolle unha "mostra orgullosa, chea de vitalidade e optimismo, que nos fai crer que o futuro se constrúe cando nos unimos para defender as causas xustas e para poñerlle rostro á xente que moitas veces ten que vivir nunha sociedade que a discrimina". Silva asegurou que un mundo que non trata a todos por igual "non é decente", e por iso sinalou que "hoxe máis que nunca temos que estar comprometidos coa igualdade, porque todos temos os mesmos dereitos e debemos ser capaces de construír a nosa vida dende a liberdade e as nosas propias decisións".

MÁIS ACCIÓNS. Sorrisos transformadores enmárcase nunha campaña máis ampla que se complementará cunha serie de charlas informativas para a comunidade escolar. Ademais, onte leváronse a cabo dúas conferencias a cargo da representante da Asociación Nós Mesmas, Raquel Cordeiro, e a profesora da UVI e directora do Posgrao en Estudos de Xénero, Beatriz Suárez Briones. A primeira lembrou que "é necesaria máis información, porque os nenos LGTBI seguen sendo vítimas de acoso e isto é un tema tabú". En palabras súas, "un 43% dos rapaces LGTBI teñen pensamentos de suicidio e un 17% inténtano, o que supón catro veces máis que os rapaces hetero da mesma idade. A sociedade aínda é bastante LGTBI-fóbica e iso trasládase tamén ás escolas, onde os nenos repiten as condutas que ven fóra. Deberíase insistir máis en impartir formación e charlas, non só aos alumnos, senón tamén ao profesorado, que moitas veces non sabe como respostar. A exposición de hoxe é positiva e axuda a ir concienciando á sociedade".

Pola súa banda, Beatriz Suárez subliñou que "na Universidade levamos anos traballando pola igualdade a través do noso Máster de Estudos de Xénero e esta exposición é o resultado dunha loita que nos ten transformado a todos como persoas e á sociedade tamén, facéndoa mellor".

Silva engadiu que a campaña iníciase en Pontevedra, pero convidou a todos os concellos e centros educativos da provincia a sumarse a ela, para "entre todos facer cada vez máis visible o dereito de todas as persoas a vivir en igualdade", concluíu.