A cultura enxalza a Sabino Torres como unha icona da edición

Xesús Alonso Montero, Víctor Fernández Freixanes, Xosé Luís Méndez Ferrín e Miguel Cuña amosan a súa tristura polo pasamento do editor, escritor e periodista
Sabino Torres falando a un grupo de persoas da historia da Real Basílica de Santa María
photo_camera Sabino Torres falando a un grupo de persoas da historia da Real Basílica de Santa María

"Nin a Pontevedra nin a Galicia de hoxe, no plano cultural, poden pasar sen Sabino Torres", "la editorial y la poesía gallega ya no van a ser las mismas" e "Pontevedra vai brillar no futuro polo servizo que lle fixo a Galicia" son algunhas das consideracións que efectúan destacadas personalidades do eido cultural galego no momento no que choran a morte de Sabino Torres.

O presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús Alonso Montero, di que Sabino Torres foi "un poeta importante en castelán, con algunha incursión na poesía galega interesante, pero se houbese que escoller, eu diría que o seu papel de editor foi o máis valioso da súa traxectoria profesional. Sobre todo, porque se desenvolveu nun tempo moi escuro".

"A el débese -sinala-, e non a Celso Emilio Ferreiro, como pensa moita xente, a idea, a creación e a posta en marcha da primeira colección de poesía de posguerra en Galicia, que é a de Benito Soto, en Pontevedra. Para isto, claro, tivo unha certa facilidade porque o pai tiña Gráficas Torres".

A citada colección publica libros en galego e en castelán de autores tan importantes como Álvaro Cunqueiro. "É moi importante saber que esta colección, que nace no 49 e morre no 51, desaparece porque a censura xa non tolera algunha das súas veleidades, fundamentalmente o feito de que Celso Emilio Ferreiro e Antonio Blanco Freixeiro traduciran poetas alemáns modernos ao galego. Aí decapitan a colección, que morre heroicamente e convértese nun símbolo do que foi a represión franquista nese momento".

Alonso Montero recorda a Sabino Torres como "un home fundamentalmente bo, machadianamente bo, diría eu. Por iso, aínda que eu son bastante máis de esquerdas do que el era, con poucas persoas tiven tanta sintonía. Porque a persoa é tan importante nas relacións humanas, que cando é grande e xenerosa e boa e sincera, como é o caso, as ideoloxías non separan".

O editor de Galaxia, Víctor Fernández Freixanes, amosa a súa tristura pola morte de Sabino Torres, a quen recorda como unha persoa chea de alegría. "Tiven unha relación moi persoal con el. Foi amigo dos meus pais e sentín debilidade por el. Intelectualmente era unha persoa moi xenerosa e optimista, sempre con ganas de facer cousas e con moito sentido do humor. É unha figura importante na historia da edición e das letras galegas. Con Galaxia editou dous libros de memorias que son unha marabilla, son unha crónica do seu tempo contada con moitas anécdotas, humor e con espírito literario".

O expresidente da RAG e poeta, Xosé Luís Méndez Ferrín, indica que "non sei se Pontevedra sabe exactamente o que lle debe a Sabino Torres, pero é moito: a imprenta do seu pai, que estaba situada na rúa de Don Filiberto Abelardo Díaz, a revista Litoral e a colección Benito Soto. É un conxunto de servizos que lle fixo a Galicia a través da cidade de Pontevedra, polo cal esta vai brillar no futuro".

Méndez Ferrín cualifica a Sabino Torres como "un home leal que tiña unha gran memoria da cidade. Durante a súa vida foi dicindo case todo o que merecía a pena contar e do que foi testemuña. Nin a Pontevedra nin a Galicia de hoxe, no plano cultural, poden pasar sen Sabino Torres. Perdín un amigo e a quen foi o meu primeiro editor, o da primeira serie de artigos en Litoral".

O responsable da Fundación Cuña Novás, Miguel Cuña, indica que Sabino Torres, ademais de ser patrono desta entidade, tivo unha relación moi íntima coa súa familia, e en concreto co seu pai, Manuel. "El encuentro de los dos jóvenes, Manuel y Sabino, fue fundamental para la historia de la poesía gallega. De ese encuentro nació y se editó la primera colección de poesía de la postguerra en lengua gallega, la Benito Soto, que fue un hito fundamental en la historia de la literatura, con libros que supusieron la renovación de la poesía gallega. Con la pérdida irreparable de Sabino Torres, la editorial y la poesía de Galicia ya no van a ser las mismas".

Comentarios