Ducias de fotografías, un audiovisual, materiais persoais como cartas ou a súa máquina de escribir, artigos da prensa, libros, traballos de 22 creadores plásticos e unha programación paralela de mesas redondas, concertos e recitais poéticos que inclúe a participación de preto de 20 persoeiros do mundo das letras. Todo iso é Camiño aberto, a exposición que se inaugurou este xoves no Pazo da Cultura de Pontevedra, organizada con motivo do centenario do nacemento de Manuel Lueiro Rey e unha das actividades centrais da denominada 'causa Lueiro', un movemento cultural que involucra a xente de distintos ámbitos na reivindicación da figura deste escritor e xornalista nado en Fornelos de Montes en 1916 e finado no Grove en 1990.
Ramón Rozas é o comisario da exposición Camiño aberto, unha mostra na que exerceu de coordinador de contidos Ramón Nicolás. "A exposición é unha débeda que tiña pendente con Lueiro a cidade na que traballou e á que estivo tan vinculado, unha débeda que agora saldamos non só rescatando ao autor senón tamén á persoa, xa que tanto a súa obra como a súa vida responderon a un fin moi claro, a defensa da dignidade e da liberdade do ser humano", explica Ramón Rozas.
Itziar Ezquieta, Manuel Dimas, Antón Sobral, Mario Iglesias, Teresa Brutcher, Eduardo Dios e Pepe Cáccamo son algúns dos artistas que protagonizan a primeira parte desta mostra. "Trátase dunha homenaxe do mundo da creación plástica ao escritor", explica o comisario. Nese mesmo espazo inclúese tamén o único audiovisual de Lueiro que se conserva, da TVG.
MÁQUINA DE ESCRIBIR. A segunda parte de Camiño aberto repasa a traxectoria persoal e profesional de Lueiro Rey a través dunha fotobiografía e unha serie de montaxes con páxinas de xornais e revistas, textos de diferentes tipos e outros traballos, que acompañan a materiais persoais que van dende exemplos da súa correspondencia ata a súa máquina de escribir. "Lueiro segue sendo o gran descoñecido da literatura galega. É hora de que iso cambie. Por iso nos unimos intelectuais, artistas e promotores culturais nisto que chamamos causa Lueiro", explica a presidenta da asociación cultural O Cruceiro da Laxe, Carmen Carreiro. "Nunca antes se fixo unha exposición tan importante sobre Lueiro Rey. Pensamos que é o momento de facela, aproveitando este aniversario tan importante. É moi necesario reivindicalo".
A exposición aproveitouse para compoñer unha programación cultural paralela que inclúe mesas redondas, recitais e presentacións literarias. As actividades comezarán o 19 de maio coa presentación da reedición de Non debían medrar con Manuel Bragado e Modesto Hermida. Miguel Cuña e Mercedes Queixas presentarán un recital poético o 26 de maio. Afonso Ribas presentará Novas crónicas dunha transición intransixente o 2 de xuño. A programación rematará o 9 de xuño cun coloquio no que participarán Luís Cochón, Antón Chaves, Marilar Aleixandre, Eli Ríos e Xesús Alonso Montero.
Camiño aberto para Lueiro
Máis de 20 creadores participan na exposición-homenaxe ao autor de Fornelos, que se poderá visitar no Pazo da Cultura ata o 12 de xuño e que inclúe unha fotobiografía e materiais persoais