Pilláronlles a matrícula

Dos dez primeiros clasificados, o Pontevedra é o equipo que máis cartóns vermellos sufriu esta temporada ► Campillo é o futbolista máis expulsado do grupo I de Segunda B
Os xogadores do Pontevedra protéstanlle ao colexiado a expulsión directa a Campillo
photo_camera Os xogadores do Pontevedra protéstanlle ao colexiado a expulsión directa a Campillo

O Pontevedra é o quinto equipo que máis expulsións padeceu no que vai de Liga de Segunda División B. Coa que sufriu Alberto Campillo o pasado domingo no encontro contra o Valladolid B, o cadro da cidade do Lérez leva vividas dez inferioridades numéricas. Ademais, o xogador vigués é o líder nesta estatística. Campillo viu o seu terceiro cartón vermello da temporada contra o filial pucelano. Só hai outro futbolista da competición que fora eliminado do encontro polos colexiados na mesma cantidade de ocasións: Beñat, do Peña Sport.

O conxunto granate é o máis danado nesta materia dos que ocupan os dez primeiros postos, empatado co Somozas. Só saen peor parados nesta faceta os bloques que pelexan pola permanencia. Curiosamente, o líder desta estatística negativa é un filial, o Sporting B. O cadro xixonés viu once cartóns vermellos no que vai de exercicio. O Valladolid B confírmase tamén como un filial atípico nese aspecto, xa que padeceu dez expulsións. Esa mesma cantidade de exclusións foi a que sufriron o pechacancelas, o Peña Sport, e o Cacereño. Con nove vermellos, ademais do PCF e o Somozas, atópase a Arandina.

Nos partidos nos que xogou o Pontevedra, o balance é claramente prexudicial para os seus intereses. Mentres que o bloque de Luisito foi incapaz de manterse intacto en nove oportunidades, os onces dos rivais só se viron minguados polas decisións do colexiado en catro ocasións, unha por partido dobre, xa que o Valladolid B acabou con nove homes no encontro da primeira volta que xogaron as escadras pucelana e pontevedresa.

A meirande parte dos cadros da parte alta de clasificación sufriron catro ou cinco expulsións en toda a campaña. Os bloques que menos veces acabaron en inferioridade numérica foron o Lealtad de Villaviciosa e o Coruxo. Foron receptores unicamente de tres cartóns vermellos.

Canto a futbolistas, ademais de Campillo e Beñat, hai doce homes máis que foron expulsados en máis dunha ocasión. Entre eles atópase outro discípulo de Luisito, Pablo Carnero, que no primeiro mes e medio da Liga foi expulsado en dúas ocasións. Os outros catro homes do PCF que non puideron acabar un partido por decisión do colexiado foron Capi, Kevin, Pablo e Borjas.

235 MINUTOS. Na primeira xornada de Liga, contra o Guijuelo, o Pontevedra estivo desde o minuto 57 en inferioridade por dobre amarelo a Capi. Na segunda, en Cáceres, pasou 66 minutos cun home menos despois de que Carnero fose privado de seguir no campo. O dianteiro vigués volveu ser expulsado contra o Compostela, no minuto 85 do choque. Campillo foise aos vestiarios de xeito prematuro contra o Peña Sport, no minuto 78.

Un par de meses despois, contra o Lealtad en Pasarón, Pablo viu a segunda tarxeta amarela no 84. Á semana seguinte, Kevin Presa marchou para a ducha no tempo de desconto do duelo da segunda volta entre o Pontevedra e o Compostela. Campillo foi excluído no minuto 58 do choque entre o cadro granate e o Logroñés. Contra o Sporting B, Borjas Martín foi o sacrificado, no minuto 74, tamén por dobre amarelo.

Comentarios