A primeira etapa do Correlingua reúne a 2.000 nenos en Pontevedra

Os participantes confluíron na praza da Ferrería nunha iniciativa para fomentar o uso da lingua galega entre os máis novos

Preto de dous mil escolares de centros de ensino da comarca de Pontevedra participaron este luns na primeira etapa do Correlingua 2016, unha iniciativa para fomentar o uso da lingua galega entre os nenos e que chegará a unha ducia de localidades da comunidade ata o 16 de maio, véspera do Día das Letras Galegas.

Tras un percorrido por varias rúas da cidade de Pontevedra, que variou en función das idades dos participantes, todos os nenos nesta primeira etapa confluíron na praza da Ferrería para participar nun acto lúdico presentando polos integrantes da compañía Talía Teatro e que contou coa música do grupo Liviao de Marrao.

Durante media hora, o Correlingua 2016 encheu as rúas do centro de Pontevedra de palabras na lingua propia de Galicia e de recordatorios a Manuel María, o autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas.

Alumnos do IES Frei Martín Sarmiento foron os encargados de ler o manifesto deste ano, escrito en verso polo alumnado de portugués de cuarto da ESO do IES Dionisio Gamallo de Ribadeo, e que reivindica que "o galego está en ti, é a patria, a esencia máis nosa" e invita á mocidade galega a que "vivamos o noso idioma".

Todos os colexios participantes recibiron un lote de libros cedidos pola editoriais Kalandraka e OQO e as librerías Seijas, Paz, Escolma, D-Lectum, Nóbel e El Pueblo, todas elas de Pontevedra.

Durante o acto tamén se repartiu un globo xigante a cada centro como símbolo da lingua, cunha nota dentro del "para que leven voando o noso idioma por todo o país", segundo os organizadores, algo que se repetirá durante o resto de etapas, que reunirán a outros 40.000 nenos de toda Galicia.

A seguinte etapa do Correlingua, unha carreira organizada por CIG Ensino, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e a Mesa pola Normalización Lingüística, será mañá martes na cidade da Coruña.

Comentarios