Premios en metálico para os gañadores

A Boa Vila vístese de maio

Os pequenos de Campañó, Xeve, Marcón e o Ceip Froebel resultan premiados no concurso, que tivo lugar este domingo ► As cantigas repasaban acontecementos deste ano como as eleccións, a prórroga a Ence ou os cambios na Deputación

"Ai maio, maio, maiolo. Ai, maio, non veñas solo. Trae collido pola man o meu amor que se vai". A voz de Marcelo Dobode inaugurou este domingo unha nova edición dos maios en Pontevedra. Cunha cantiga típica de Laxoso (Ponte Caldelas), o artista deu a benvida á primavera acompañado dun pandeiro. "Rematou o inverno, espértanos a luz, os paxaros cantan, as flores están coas súas mellores cores regalándonos a súa beleza, o sorriso establécese na nosa face. Si, o noso campo está ledo e regálanos esta ledicia ano tras ano", explicaba Dobode mentres os pequenos repasaban as coplas antes de subir ao escenario.

Foron doce os grupos participantes no Concurso de Maios deste ano. Así, participaron no evento os rapaces e rapazas da Asociación Sociocultural Os da Caña, o Ceip Froebel, o Ceip San Benito de Lérez, o CEP Marcos da Portela, o CEP de Campolongo, o Maio D’Paredes, a Asociación Cultural Amigos dos Rapaces, a Asociación Cultural e Deportiva de Marcón, a Asociación Cultural de Campañó, a Anpa O Galo (Ceip de Barcelos), a Anpa Fonte do Peso (Ceip A Laxe) e a Asociación Recreativa de Xeve.

Marcelo Dobode: "Rematou o inverno, despértanos a luz, os paxaros cantan, as flores están coas súas mellores cores"

Finalmente, os vencedores do concurso de Maios 2016 foron os integrantes da Asociación Cultural e Deportiva Campañó (mellor maio e premio especial Maios), a Asociación Recreativa de Xeve (mellores cantigas), o Ceip Froebel (mellor interpretación), a Asociación Cultural e Deportiva de Marcón (mellor coroa) e os Ceip de Barcelos e Lérez (premio especial do xurado).

CANTIGAS. As coplas que soaron na Praza da Ferraría con motivo desta celebración recordaron con humor algúns dos feitos máis relevantes que tiveron lugar no último ano. "Para ir ao paraíso xa non temos que rezar, só buscar no aeroporto un voo cara a Panamá", cantaban os pequenos do Ceip Froebel referíndose ao escándalo dos titulares de empresas 'offshore'. Sobre a nova Lei de Educación, a Lomce, falaron os alumnos do CEP Marcos da Portela: "A París co seu amor, foise Wert de retirada, a reválida de sexto, deixounos como herdanza".

A política municipal tivo un especial protagonismo na festa dos Maios deste domingo. Deste xeito, os pequenos do CEP Marcos da Portela (Monte Porreiro) deron a benvida aos presentes á "cidade internacional, o feudo do señor Lores e modelo ata en Dubai". A prórroga concedida a Ence polo Goberno de Mariano Rajoy foi outro dos temas estrela da mañá. "Nesta ocasión vimos moi cabreados pola prórroga a Ence por unha chea de anos", cantaban os nenos e nenas da Asociación Sociocultural Os da Caña (San Xulián).

As noticias de corrupción ou os novos partidos do panorama político foron temas que se repetiron en todas as cantigas

"Os do cole de Barcelos xa teñen onde xogar a ver se non están cansos pois lonxe han de aparcar", entoaban nas súas cantigas os rapaces de Marcón referíndose á recente peonalización da céntrica praza pontevedresa. Os cativos tamén tiveron tempo para repasar o resultado das últimas eleccións municipais en Pontevedra. "Entraron os Ciudadanos e chegaron as Mareas. Zarracina de Jacobo, salvouse Tino da queima". Estes son só algúns dos versos adicados á nova Corporación municipal pontevedresa. E non só municipal, os rapaces tamén prestaron atención aos cambios que se produciron na Deputación coa saída de Louzán.

As noticias de corrupción, as eleccións municipais e xerais ou os novos partidos que xurdiron no actual panorama político foron outros dos temas que se repetiron ao longo de toda a mañá deste domingo. Por suposto, os participantes nesta edición dos Maios non esqueceron un incidente que puxo a Pontevedra no foco da actualidade política durante as últimas eleccións xerais de decembro: "Este primeiro de maio vimos dende Campañó, preguntarlle a Mariano se da hostia vai mellor".

Comentarios