Sandra Fernández Agraso: "É denigrante pretender utilizar a mulleres que buscan traballo para obter favores sexuais"

A edil nacionalista de Igualdade foi a primeira en advertir ás autoridades da existencia do anuncio machista que ofrecía traballo a mulleres "con buen pecho y mínima experiencia" e cuxos responsables esixían entrevistas por 'Skype' en roupa interior
A concelleira de Igualdade de Pontevedra, Sandra Fernández Agraso
photo_camera A concelleira de Igualdade de Pontevedra, Sandra Fernández Agraso

A actuación realizada pola responsable de Igualdade á hora de tratar de atallar este problema está sendo eloxiada por todas as administracións. Se o pasado mércores a Xunta de Galicia alababa o proceder do Goberno local, este xoves foi a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, a que, aproveitando a súa visita institucional á vila da comarca do Salnés, felicitou a Sandra Fernández por "darlle voz ás mulleres á hora de defender a súa dignidade". A máxima dirixente do organismo provincial entende que "esta é unha das responsabilidades que temos as mulleres que traballamos en cargos públicos".

Cando tiveron constancia da existencia do anuncio?

Foi o luns pasado. Estaba botándolle unha ollada ás redes sociais e vin que estaba colgado no Facebook. Ao día seguinte decidimos falar coa Garda Civil para tramitar a pertinente denuncia.

Durante os últimos meses xurdiron queixas sobre outras ofertas de traballo detectadas en Internet que tamén utilizaban unha linguaxe claramente sexista. Coñecía algún anuncio similar que fixera mención a Sanxenxo?

Non, de momento non atopamos máis. Tamén é certo que existen outros espazos virtuais diferentes á web na que se colgou este (milanuncios.com). Non obstante, sabemos que este anuncio xa fora detectado anteriormente cun texto algo distinto. Fórono modificando co paso do tempo.

Que pesou máis á hora de presentar unha denuncia, o contido sexista ou o feito de que os seus responsables esixisen ás rapazas unha entrevista en roupa interior a través de videoconferencia?

As dúas cousas son dunha gravidade extrema. Estamos convencidos de que todo isto nada ten que ver cunha oferta de traballo. Xa nos parece inaceptable que se utilice unha linguaxe denigrante á hora de redactar o texto, pero aínda é peor que se pretenda utilizar a mulleres que precisan dun posto de traballo para obter favores sexuais. É denigrante.

No anuncio faise mención a Sanxenxo.

Si, pero non a ningún establecemento. Nas mensaxes que os autores do anuncio enviaron ás rapazas que presentaron unha denuncia non se fai referencia a locais ou negocios concretos. Parécenos lamentable que se utilice o nome de Sanxenxo como reclamo para este tipo de prácticas. Isto supón unha publicidade moi negativa para o sector.

Presentaron a denuncia porque cren que existen indicios de delito ou como fórmula para tratar de evitar que se repita unha situación semellante?

O contido do anuncio viola a Lei de Violencia de Xénero. En caso de que localicen aos responsables, as autoridades poden tomar medidas ao respecto. É certo que tamén nos interesa disuadir a calquera que queira repetir esta práctica, pero o máis importante é que todo o peso da lei recaia sobre os autores desta oferta que, insisto, parécenos totalmente falsa.

Vostede asegurou o pasado mércores que o anuncio foi visto por máis de 13.000 usuarios, pero, de momento, só foron presentadas dúas denuncias, sen contar a do Concello. En caso de que se repetise algo así, como deben proceder as afectadas?

O primeiro que teñen que facer é presentar unha denuncia ante a Garda Civil. Tamén poden poñerse en contacto co Centro de Información á Muller (CIM). Sei que pode haber rapazas que contactaron cos responsables do anuncio e poden sentir vergoña por iso, pero é moi importante que o denuncien. Ademais, recomendo que non se faga nunca caso de supostas ofertas de traballo nas que non constan nin teléfonos de contacto nin referencias ao negocio en cuestión. Hai que ter moita precaución.

Comentarios