O Salón do Libro mestura poesía, jazz, ciencia e contos na primeira xornada

Pontevedra non terá Feira do Libro Antigo e de Ocasión este ano

O Concello prescinde da actividade, á que destinaba 6.000 euros, por coincidir con outros eventos
Unha das casetas expositoras na edición da Feira do Libro Antigo e de Ocasión de 2014
photo_camera Unha das casetas expositoras na edición da Feira do Libro Antigo e de Ocasión de 2014

Pontevedra non contará este ano con Feira do Libro Antigo e de Ocasión. O Concello comunicoulle á Federación de Libreiros de Galicia, durante o periodo de elaboración do calendario das feiras, que a cidade só acollería este ano a do Libro Novo.

A concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, explica que a decisión do Concello ten que ver "cunha reformulación de toda a programación cultural en xeral e das propostas que teñen que ver co libro en particular". Ademais, segundo indica, as datas da Feira do Libro Antigo e de Ocasión, no mes de maio, coincidían este ano con outros eventos do Concello nos espazos que ocupa habitualmente, a Praza da Ferraría e o Paseo Antonio Odriozola: "máis concretamente unha exposición sobre mobilidade".

Anxos Riveiro lembra tamén que, dos postos desta feira, á que o Concello realizaba unha achega "duns 6.000 euros", practicamente ningún era galego. Na edición do ano pasado, da ducia de postos que había, só un, o da libraría Solpor, era pontevedrés. O resto dos negocios que participaban viñan de distintos puntos de España. "Era unha actividade chula, que traía xente de fóra ata a cidade, pero nós agora mesmo, dentro desa reformulación que estamos a facer, simplemente apostamos por outra cousa, por implicar directamente á xente de Pontevedra e da comarca".

A Federación de Libreiros, pola súa banda, di lamentar que este ano non se celebre esta cita en Pontevedra. "É un evento que viñamos celebrando só nas cidades máis importantes de Galicia. Santiago, Vigo, Lugo, A Coruña e Ourense mantéñena. Só Pontevedra decidiu prescindir dela", comenta a presidenta da Federación, Pilar Rodríguez. "Nós agardamos que esta decisión que, por suposto, é unilateral, non sexa definitiva e se poida recuperar nos próximos anos".

A concelleira Anxos Riveiro, sen embargo, insiste en que agora mesmo "non é unha prioridade da nosa programación cultural" volver incluír este evento.

LIBRO NOVO. O Concello si que mantén este ano a súa aposta pola Feira do Libro Novo. De feito, é a primeira cidade pola que pasará este ano. A Praza da Ferraría e o Paseo Antonio Odriozola acollerá os postos de venda e a programación de actividade entre o 5 e o 10 de abril.

Alberto Fortes será o encargado de ler o pregón do evento, polo que pasarán Anxo Angueira e Xesús Constela, entre outros.

Comentarios