Extravaganza cobra vida no Salón do Libro

Paspallás e Óscar Villán trasladan os espazos do conto escrito por Ledicia Costas para o Salón do Libro ao Pazo da Cultura de Pontevedra

Entrar no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra deste ano será como caer dentro de ‘As peripecias de Extravaganza Pérez’, o volume que Ledicia Costas (Premio Nacional de Literatura Infantil 2015) escribiu por encargo do Concello para o evento. Detrás dunha esquina aparece a cativa coa súa coleta estarricada e as súas lentes, do teito colgan os seus amigos flamenguiños, máis adiante aparecen uns lemures... Os animais do libro, inspirados no lema do Salón 2016, ‘Canta bichería’, están por todos lados.

O título, que foi ilustrado por Óscar Villán (Premio Nacional de Ilustración 1999) e inspira toda a montaxe do Salón, é o primeiro dunha colección de autores galegos que quere lanzar o evento.

Nove persoas da escola de tempo libre Paspallás e Villán traballan estes días na ambientación dos distintos espazos do Pazo da Cultura, ocupado integramente polo Salón. "Cada lugar está inspirado nun capítulo do libro e cada lugar ten a súa función específica: espazo de contacontos, de biblioteca, para bebés, etc.", explica María Paz, de Paspallás, que lembra que é a primeira vez que traballan sobre un material previo. "O proceso é diferente, pero moi interesante, porque ademais de decorar e ambientar xogamos a ampliar o traballo de ilustración do libro e facelo interactivo", explica.

RÉCORD DE COLEXIOS. O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, polo que o ano pasado pasaron 34.000 persoas, segundo a organización, celebrarase do 1 ao 23 de abril. A actual edición marcará un récord de participación de colexios: pasouse dos 39 do ano pasado a 45. A involucración dos centros, que traballan dende hai semanas co libro ‘As peripecias de Extravaganza Pérez’, culmina nunha exposición de traballos escolares. Unha colaboración especial realízaa o Ceip Carballal de Marín, que traballou, xunto a Paspallás, no deseño dun espazo concreto e tamén participou, a través dunha alumna, nun espazo deseñado para cativos cegos.

Ademais, Óscar Villán monta estes días no Salón unha exposición de orixinais dos seus debuxos de Extravaganza. "Debuxala non foi complicado, o texto de Ledicia é unha marabilla", conta o ilustrador, autor do primeiro cartel do Salón do Libro. "Poucas iniciativas tan interesantes e valiosas coma esta".

Comentarios