O amor, que move o sol e as estrelas todas

A xente toma decisións cos sentidos nubrados polos sentimentos. Fixérono De Quincey e Cela; agora están facéndoo Vargas Llosa, Miguel Santalices ou os membros da RAG

Todos cometemos erros baixo a influencia do amor. Se non fose polo cegamento que produce, Camilo José Cela non tería abandonado a súa fundación —cos seus 45.000 volumes e  unha escollida mostra de obxectos persoais— ao entendemento e capricho de Marina Castaño.

Os delirios de Thomas de Quincey cando consumía opio devolvíanlle a Ann, unha rapaza  da que namorou ao chegar a Londres. Un domingo de chuvia perdeuna de vista por sempre xamais, pero nunca esqueceu a invernía na que durmiron abrazados para combater o frío feroz que padecían na casa do empresario que os acolleu. Thomas roubara cartos con 17 anos para custearse a viaxe dende Manchester e Ann criárase nas rúas máis escabrosamente dickensianas da cidade, así que non axitaban a misericordia do comerciante. O día no que Ann se converteu en ausencia, o seu amante escribiu "non hai espectáculo máis deprimente que un domingo de chuvia en Londres".

Hai quen opina que De Quincey se enganchou ao opio polas dores de cabeza que lle causaba lavar o pelo con auga fría. Outros inclínanse por explicalo como consecuencia de anestesiar  o carácter humano dun corazón ao que extirparan o cacho de Ann.

Este ensaísta ten unha obra singular sobre os efectos do amor: Chamadas á porta en Macbeth (1823). Nese texto fala do cambio do personaxe de Shakespeare cando, logo de matar a Duncan, asusta porque petan na porta do castelo. "Cando o traballo do escuro é perfecto, séntense os golpes na porta e faise audible que a reacción comezou: o humano experimenta o seu refluxo sobre o malvado, os pulsos da vida empezan a later de novo", escribe Thomas de Quincey para deixar claro que o crime empuxa a Macbeth e a súa muller "fóra da rexión das cousas humanas". A chamada na porta devolve o manar da conciencia humana e do amor ao fígado conxelado da parella.

O autor de O asasinato considerado como unha das belas artes advirte de que 2se un home se deixa tentar por un asasinato, pouco despois pensa que o roubo non ten importancia, e do roubo pasa á bebida e a non respectar o domingo". A min paréceme que Macbeth mata para conseguir a coroa real, pero soamente como un medio para afianzar o seu matrimonio. Un amor tan perverso como natural. Pero De Quincey percibe a Lady Macbeth como un "ser asexuado" e opina que o rexicidio vén motivado porque Macbeth perde transitoriamente a condición de persoa. O peor desa interpretación é que non exculpa a Lady Macbeth por casar cun toleirán, senón por ser muller; carente, polo tanto, de criterio e vontade sobre o poder.

Camilo José Cela moveuse toda a vida entre o machismo atávico e a provocación. «Las mujeres están para ser gustadas. Después, unas se dejan, otras no... Eso va ya por provincias», chegou a barbarizar. Toda esa feromona quedou en estado de latencia o día no que se lle cruzou nun congreso unha experta en protocolo e circunstancia coa pel bronceada ‘ab aeterno’ e a melena loira.

O amor, que move o sol e todas as outras estrelas, que describiu Dante, sigue provocando danos colaterais no mundo literario. Mario Vargas Llosa viu como se lle adormentaba o entendimento. Unha mañá de decembro, en plena invernía macbethiana espertou atrapado na pléiade de papel couché, fotos veladas con filtro e decorados de chalé piloto.

Son consciente de que entre Marina Castaño e Isabel Preysler hai unha sima de prestancia no que a segunda ocupa o posto elevado, pero, se me dan a elixir con quen conversar, prefiro a Marilar Aleixandre. A nosa escritora anuncia a súa entrada na Real Academia Galega (RAG) como unha victoria "femininista e científica". Ignoro cal de ambas as condicións é máis necesaria no politburó que goberna a lingua dende a rúa das Tabernas.

Non se me escapa que o perentorio na RAG son os cartos. Fastídiame que o presidente da institución, Xesús Alonso Montero, teña que apelar ás emocións para dar editado cinco obras das Irmandades da Fala, unha asociación sobre a que quedaremos esgotados de eloxio e pompa neste o seu centenario. Montero visitou ao presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, para expoñerlle que a Academia "non está en condicións de acometer determinadas tarefas literarias" e para pedirlle un cariño orzamentario. De cara á prensa, o profesor explicou: "O presidente do Parlamento e máis eu somos ourensáns, e os ourensáns temos un dialecto para a cordialidade extraordinario, entendémonos perfectamente". Dante non o diría mellor.

De Quincey apartouse do opio durante o seu matrimonio con Margaret. Cando ela morreu, retomou a entrega devota ao zume de adormideira. O amor a unha muller, que impulsa os planetas, nubrou a súa vontade de ser opiómano; pero tamén a vontade de Cela e de Vargas Llosa de ser escritores. O amor ao galego abrandou a percepción varonil que reina na RAG e o amor a Ourense prendeu unha luz de compaixón na alma dourada de Santalices.

Ignoro se o interese pola cultura ou a responsabilidade alentou á Xunta a asumir a fundación Cela para darlle un rumbo antes de que se metese contra as rochas. A Secretaría de Cultura debe rectificar a deriva xestora de Marina Castaño. Vexo á sabia en protocolo e expresidenta ocupada en responder ante un xuíz pola súa etapa á fronte da fundación. Os preitos están distraéndoa do que lle interesa a ela e me interesa a min: saber se ¡Hola! vai publicar un bono de desconto para comprar as obras de Vargas Llosa na colección La Pleiàde da editorial francesa Gallimard. Porque, se non, diremos "merde", como dona Letizia.

Comentarios