A historia vólvese repetir

O Pontevedra leva cinco puntos no comezo da segunda volta, un máis dos que sumou no mesmo treito da primeira
Víctor Bravo ante Adrián Gómez no partido contra o Tudelano no que o Pontevedra
photo_camera Víctor Bravo ante Adrián Gómez no partido contra o Tudelano no que o Pontevedra

O comezo da segunda volta do Pontevedra está a ser igual de infrutuoso que o principio da Liga. Os malos resultados do conxunto granate no inicio da segunda metade do exercicio son algo mellores que os que obtivo o bloque de Luisito nas cinco primeiras xornadas do curso. Daquela, o bloque pontevedrés fora capaz de reaccionar nas semanas seguintes e sumar resultados positivos que lle fixeran escalar ata as prazas de promoción de ascenso.

Desta volta, a xeira negativa de resultados levou ao Pontevedra a abandonar os catro primeiros lugares da Liga, nos que estivera desde a penúltima xornada da primeira volta, cando derrotou á Cultural Leonesa no último duelo do ano 2015.

Desde entón, o Pontevedra leva seis choques: un triunfo, tres empates (un deles correspondente ao último envite da primeira metade do curso contra o Burgos) e dúas derrotas. Os outros empates que rexistrou, xa na segunda parte da Liga, foron contra o Cacereño e o Lealtad en Pasarón; as derrotas chegáronlle contra o Compostela e o Tudelano nos dous desprazamentos máis recentes e a vitoria foi contra o Guijuelo.

A pesar de que a bagaxe dos cinco choques cos que comezou a segunda volta é moi parecida á dos cinco envites do principio da Liga, o Pontevedra non repetiu resultado contra ningún dos seus rivais neses enfrontamentos.

De tal maneira, o Guijuelo derrotou ao Pontevedra na primeira xornada e perdeu contra os granates na vixésima. No segundo envite da Liga, o Cacereño bateu ao once de Luisito pola mínima, mentres que catro meses despois, en Pasarón, os dous contendentes empataron sen goles nun partido moi pouco gratificante para o espectador.

O Tudelano foi o primeiro cadro ao que derrotou o bloque pontevedrés na Liga 2015-16, na terceira tirada do campionato. Curiosamente, o cadro navarro foi o que puxo fin á xeira de dez envites sen perder e catro meses sen facelo lonxe da casa do Pontevedra, hai 15 días.

O Lealtad derrotou ao PCF no seu campo de Les Caleyes no cuarto enfrontamento do curso. Hai nove días, os asturianos sumaron un empate con moita fortuna no terreo de xogo situado no barrio do Burgo.

Por último, o Compostela empatara en Pontevedra na quinta xornada e goleou á escadra da cidade do Lérez o pasado sábado, no que foi o resultado máis doloroso do que vai de curso para o bloque de Pasarón.

CATRO CONTRA CINCO. En total, catro puntos no principio da Liga e cinco no comezo da segunda volta foi a bagaxe do cadro pontevedrés, que segue metido na pelexa polos postos nobres da clasificación.

O Pontevedra non foi o único equipo que sufriu un baixón de nivel de resultados nas últimas semanas. Desde o líder, Racing de Ferrol, ata rivais directos do Pontevedra na batalla polo cuarto lugar, como a Cultural Leonesa ou o Lealtad, se viron afectados pola irregularidade desde que comezaron a segunda volta e o ano.

Tódolos equipos da zona alta da táboa, excepto o Tudelano, experimentaron un baixón de rendemento nas últimas semanas

O cadro departamental, seguinte adversario do propio Pontevedra, perdeu tres dos sete últimos enfrontamentos. O Logroñés, que parecía lanzado ata hai dúas semanas, sumou un punto dos seis últimos en disputa. O Racing de Santander leva catro empates nos seis partidos máis recentes, mentres que a Cultural y Deportiva Leonesa e o Lealtad sumaron oito dos últimos 21 puntos.

O mellor de tódolos bloques da zona alta da táboa nos últimos enfrontamentos foi o Tudelano. O cadro navarro leva tres triunfos consecutivos e nove enfrontamentos sen perder que lle permitiron chegar á cuarta praza.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios