Bendito karma

A única sala de concertos de Pontevedra cumpre unha década de vida e celébrao cunha programación especial que abrirá o concerto de Ángel Stanich no Teatro Principal e que incluirá unha exposición na Casa da Luz
Marcos Rivas nunha das barras da sala Karma. DP
photo_camera Marcos Rivas nunha das barras da sala Karma

Lei moral da tradición india, segundo a cal o destino nunha persoa depende da suma de todas as accións acumuladas nas súas vidas anteriores. Iso é o karma. Tamén, forza espiritual. En Pontevedra Karma é o nome da única sala de concertos que sobrevive na capital da provincia. O seu propietario é Marcos Rivas (Pontevedra, 1976). Estes días ultima a celebración do décimo aniversario do local cunha programación especial que abrirá un concerto de Ángel Stanich no Teatro Principal (27 de febreiro, ataquilla.com), que volverá traer a Pontevedra a Sex Museum e que incluirá unha exposición con carteis, camisolas e discos na Casa da Luz a partir do 17 de marzo.

Rivas, vinte anos no mundo do ocio nocturno, dez deles á fronte da sala Karma, é tamén o promotor dos festivais Surfing the Lérez e Galegote Rock, que organiza xunto ao Concello de Pontevedra. "Todo iso naceu en Karma", di. "En realidade, practicamente todo o que ten que ver agora mesmo coa miña vida empezou neste local. Ata esta cousiña, que é o que máis quero, o meu fillo Lucas. Á súa nai [a promotora cultural Ana Seoane] coñecina desenvolvendo un proxecto xuntos aquí". A sala Karma, situada na rúa Marqués de Riestra, fronte ás Ruínas de San Domingos, abríu o 17 de marzo de 2006. Detrás estaban tres persoas: Marcos Rivas, Marcos Bolaño e Felipe Rey. "Aínda estaba aberta Starlux [sala histórica de Pontevedra situada en Cruz Vermella, anteriormente chamada Camawey e antes Licor-Café]. Convivimos durante uns seis meses. Despois pechou e quedamos nós sós".

FIÚZA, CHARLIE E MICHI. Naquela aventura tamén se meten dende o inicio os que acabaron converténdose nos DJ residentes do local, Iván Fiúza e Charli_é DJ?, ademais do técnico de son Miguel Ángel Castro ‘Michi’. "De verdade que funcionamos case como unha familia: onde se embarca un, embarcámonos todos", explica Rivas. "Ademais para Karma foi fundamental que Iván e Charlie levasen o nome do local por toda España". Pincharon dende na Razzmatazz de Barcelona ao Fever de Bilbao.

Os que abandonaron o proxecto foron os socios de Rivas. "Eles tiñan outros negocios e chegou un punto no que vimos que era mellor coller camiños separados", di o actual dono da sala. "Pensa que nos fixemos co local para un pequeno experimento, unha aventura de tres anos. E aquí sigo".

Non só segue aberta a sala Karma senón que o proxecto foi ampliándose. "Agora ten un irmán pequeno, si". O 17 de decembro de 2010, Rivas abriu na rúa Charino un local, no que tamén realiza concertos, aínda que de carácter máis íntimo. "Fundamentalmente acústicos. En realidade, El Pequeño Karma, que era como lle chamamos cando o abrimos, quería ocupar unha franxa horaria que Karma non tiña. Aquí tiñamos os concertos de primeira hora. Despois a xente marchaba e volviamos abrir para as sesións dos DJ. A idea era ofrecerlle á xente á que lle gustaba Karma un sitio a onde ir nese espazo de tempo", comenta. "Tamén o intentamos con outro local, Lady Carmiña, que foi unha experiencia interesante que durou un ano".

SURFING THE LÉREZ. En Karma naceu tamén o festival de rock que ten agora mesmo Pontevedra e que actualmente se celebra na Illa do Covo: o Surfing the Lérez, que este ano chega á súa sexta edición. "O primeiro Surfing the Lérez fixémolo o 1 de setembro de 2011 na sala. Naceu da man de Santi Paredes e Manuel Pombo, de Thee Tumbitas e Los Pasadenas. Tocaron Lost Acapulpo e Pedrito Diablo & Los Cadaveras. Por iso se chama así o festival, Surfing the Lérez, porque eran grupos de música surf", lembra Rivas. "Foi un ano despois que fixemos unha edición con grupos tocando polo centro histórico involucrando a máis xente, a Sergio Vidal, que daquela tiña O Gato Gordo, á xente da Pega Moura e a outros. Foi a edición á que eu lle teño máis agarimo". Ao promotor aínda lle gusta a filosofía que estaba detrás da proposta: a de encher o centro histórico de grupos de rock tocando. "É o mesmo que agora intentamos facer no Galegote Rock, que, por certo, este ano vai contar con novidades moi interesantes. Vai ser aínda máis bonito".

Marcos Rivas menciona tamén un festival máis no que Karma estivo moi involucrado. "O Lolapop, que puxo en marcha Josiño Carballo en Ponte Caldelas", di. "Josiño [promotor anteriormente en Ernie, hoxe integrado en Esmerarte] é unha persoa moi importante tamén no que é a historia desta sala".

Facendo balance destes dez anos, Rivas comeza a mencionar grupos. "Quen podía imaxinar que aquí ían tocar Love of Lesbian? A primeira vez que os trouxemos actuaron para cen persoas. A segunda xa foi un ‘sold out’. Para a terceira tivemos que ir ao Pazo da Cultura". Polo escenario da sala Karma pasaron Iván Ferreiro, Lori Meyers, Javier Krahe, "que debeu vir seis ou sete veces", el Gran Wyoming, Christina Rosenvinge, Pablo Carbonell... "Dez anos deron para facer bastantes cousas". Enriba dunha das barras do local, unha chea de discos lembran a moitos dos grupos que pasaron polo escenario.

"Un concerto moi especial foi o de White Rose Movement, que tocou con Igloo. Foi o primeiro grupo que trouxemos en plan internacional". Despois viñeron máis, dende The Wave Pictures a Is Tropical. Estes últimos foron "de longo, os que deixaron o camerino en peores condicións", lembra Rivas. A todos, famosos e menos famosos, galegos e de fóra, lévaos aínda hoxe a cear a dous locais emblemáticos de Pontevedra: o Pulpeiro e a Navarra. "Sempre. Nunca cambiamos".

O que non lembra exactamente Rivas é cal foi a primeira actuación que acolleu o local. "Non sei seguro. Tivo que ser a dun grupo da escena de Vigo ou de Pontevedra na que se move Querido Extraño [Arturo Delgado], non sei se Los Casanovas ou Doble Morgan ou Mr. Magoo...".

O gran momento de Karma foi para el entre 2008 e 2010. "O indie foi o que máis sona lle deu á sala. Neses anos tivemos unha programación incrible. Eu lembro concertos moi especiais, Dorian, por exemplo, unha xente extraordinaria. Algún de Krahe. Un de Germán Coppini con Miguel Rivera, de Maga, que foi alucinante".

NOVA ETAPA. Hoxe a sala está nunha etapa moi diferente. "A xente non vén aos concertos. Así que facemos menos e máis escollidos", explica. Marcos Rivas cre que a caída do público se debe a varios motivos. "Por un lado está o tema do prezo das entradas, o IVE cultural machacounos. Despois, Pontevedra conta cunha programación cultural moi importante e tes mil alternativas. E, finalmente, os grupos tocan nunha chea de festivais, así que, por un pouco máis, agardas ao verán e ves a dez bandas en vez de a unha". Sen embargo, ao contrario que outros colegas, el non cre un problema o tema da restricción da entrada aos menores nas salas. "Eu penso sinceramente que estes non son sitios para nenos. Pódense facer cousas para eles noutros espazos, en teatros ou en parques, sitios máis apropiados".

Rivas non sabe se Karma durará dez anos máis, pero non o descarta. "Quizais co tempo vaia gañando máis peso a sala como espazo cultural mentres o vai perdendo como discoteca. Veremos".

"A primeira vez que trouxemos a Love of Lesbian actuaron para cen persoas. A segunda xa foi un ‘sold out’. Para a terceira tivemos que ir ao Pazo da Cultura"

"Entre os concertos máis especiais que lembro están os de Dorian, Javier Krahe e un de Germán Coppini con Miguel Rivera, de Maga, que foi alucinante"

Comentarios